Lugar literario

MONDOÑEDO, LUGAR LITERARIO
______________________________________________________________________
Toño Núñez: Para a primeira edición de “Mondoñedo é poesía” (2014)

Toño Núñez (Navia de Suarna, 1959) participou na primeira edición de “Mondoñedo é poesía” que tivo lugar o 1 de maio de 2014 no Auditorio Municipal “Pascual Veiga”. Aquel día deixounos unhas palabras de agarimo e estes poemas para Mondoñedo e para os poetas mindonienses, que moito lle agradecemos e que reproducimos a continuación:
Honrado, moi honrado, de estar hoxe aquí con todas e todos vós. Nesta leira fecunda de narradores e poetas. Nesta terra val, que á miña terra semella. Nesta terra á que cheguei da man de Reigosa, man amiga. Tráiovos e déixovos a miña palabra. En realidade, son 75 palabras que arranxei coa ilusión de que se constituísen en soneto. Un soneto que fala desta vosa terra: MINDUNIETUM. Feliz día de amizade e poesía!”

MONDOÑEDO

As pedras da Frouseira sepultadas
agochan mudas as poutas do medo.
E a Mariscala garda o segredo
do sangue a das bágoas derramadas.

E a cabalo das noites levedadas,
polas rúas da vella Mondoñedo,
ecoan cal ronsel en sono quedo
as voces e as pegadas arraigadas.

As pegadas dos mestres inmortais
Manuel Leiras e Álvaro Cunqueiro,
poetas da Vallibria universais.

Álvaro e Manuel Leiras Pulpeiro:
Cantiga nova e Cantares… Por máis,
verso amigo, labrego e mariñeiro.

Polo tempo dos pumares en flor. E das chorimas.
Toño Núñez (2014)

ENTRADA ADIANTE!
Fermosa a cidade. Fermosa a primavera que rebenta. Fermoso o día. Fermosa a idea! Que agromen tamén os versos. Enchamos o aire e as rúas de Mondoñedo de poesía.

PECHE DO ACTO
No niño novo do vento das serras
hai unha terra encantada,
de palabras vizosas sementada,
que han dar froito outras mil primaveras.

Ai, quen puidera, meus amigos, namorala!

Ficha do autor na Wikipedia
Ficha do autor na AELG

______________________________________________________________________
Fran Alonso: Pasaba Mondoñedo

Pasaba Mondoñedo polo mundo e Galicia polos soños
coma se a auga toda das rías inundase o interior das horas
e as mariñas no crepúsculo pardo de cela foses ti anoitecida
pasaba mondoñedo fermoso e primitivo de maeloc vestido
coma se nun día todo fose ouro e románico acendido
e as cuncas e os cunqueiros estrelasen todo o ceo en ti presente
pasaba mondoñedo enlousado en sanmartiño de praias interiores
como caolín irmandiño reflectido en loitas de sada e cintolo
e todo eran campás en música de ameas e mareiras de burela
pasaba mondoñedo pasaba polos vales pasaba polos ollos
como a necesidade que adormece nas pedras do silencio
os tobos mornos ocultaban ourizos de soños orfos ou tolos
mondoñedos de risos vivos entrelidos nunha praza de
pasaba mondoñedo baixo as árbores e as sombras
pasaba mondoñedo baixo a historia e as ondas
pasaba mondoñedo porque pasa mondoñedo porque
pasa mondoñedo cando pasa unha pomba.

poema falonso(1ª ed.)

Nota:
Pasaba Mondoñedo”, poema de Fran Alonso datado en Vigo en 1988, foi publicado por primeira vez nunha edición manuscrita (véxase imaxe)titulada “A rota dos baleeiros”, un dos dez poemas do mesmo autor agrupados baixo o título “Cada tres meses e un día”. Agradézolle a Fernán López, de Rutas Vivas, que me dese a coñecer esta publicación.
A versión que publicamos, facilitada polo autor, corresponde ao libro “Subversións” (Xerais, 2001), aínda que xa fora publicado anteriormente por Edicións do Castro en 1989 na antoloxía “Concurso Nacional de Poesía O Facho (1978-1989)”, tras quedar finalista nese certame.

______________________________________________________________________