Almanaque

ALMANAQUE DE MONDOÑEDO

_______________________
XANEIRO
_______________________
1 de xaneiro de 1915

No Almanaque Gallego para este ano, editado en Bos Aires por Manuel Castro López, Manuel Murguía escribe un artigo titulado “La Alborada” onde pon en cuestión a autoría por parte de Pascual Veiga da “Alborada Galega”. A reacción en Mondoñedo foi inmediata e o xornal “El Cruzado” exíselle ao entón presidente da Real Academia Galega, coa sinatura de Antonio Maseda, unha proba ou rectificación inmediata.

Bibliog.:
-A. Reigosa, «Cando Murguía cabreou aos mindonienses», blog: Caderno de Campo.


1 de xaneiro de 1919
O “grippe” causa estragos nestes primeiros días do ano, especialmente nas parroquias de Viloalle e Figueiras.
_____
8 de xaneiro de 1921

Sae o primeiro número do periódico satírico “Don Fino”, do que só se publicaron 21 números ata xuño de 1921. O seu director foi Ramón Lorenzo “O Farraco”, e tivo colaboracións de Cándido Carreiras e Antonio Noriega Varela, entre outros.

Bibliog.:
-X. Isidro Fernández Villalba, «Antonciño e o xornal ‘Don Fino’», Terra e Tempo, 10.06.2015.

_____
10 de xaneiro de 1834
Nace en Oviedo Manuel Fernández de Castro y Ménendez Hevia, o que había ser bispo de Mondoñedo desde 1889 ata o seu pasamento, acontecido en Mondoñedo o 27 de xuño de 1905.

10 de xaneiro de 1920
Nace en Sabadelle, O Pereiro de Aguiar (Ourense) Miguel Anxo Araúxo Iglesias, o que había ser bispo da diocese Mondoñedo-Ferrol desde 1970 a 1985.
_____
12 de xaneiro de 1889
Nace en Mondoñedo o crego e escritor Manuel Rico Prieto.

12 de xaneiro de 1906
A Real Academia Galega nomea a Eduardo Lence-Santar-Guitián “Membro correspondente”.

Bibliog.:
-X. Isidro Fernández Villalba, «Os cronistas da cidade de Mondoñedo», Terra e Tempo, 6.09.2011.

____
14 de xaneiro de 1943

Morre en Viveiro José Manuel Barro González. Nacera no Vilar, en Viloalle o 13 de febreiro de 1873. Aprendiz de reloxeiro, afeccionado ao ciclismo, sindicalista agrario, mercou unha fábrica de lenzos, velames e lonas que converteu, primeiro en central hidroeléctrica e logo nunha industria punteira de automoción (importou en 1905 o primeiro motor de explosión que se viu en Galicia) que floreceu en Chavín, Viveiro desde 1907 ata 1981. Representante da firma francesa De Dion-Bouton, construtor de bicicletas, camións e autobuses.

Bibliog.:
-C. Nuevo Cal, «Un precursor da industria da automoción en Galicia», Empresarios de Galicia, Fundación Galicia-Empresa.


14 de xaneiro de 1960
Morre en Mondoñedo o historiador, escritor e primeiro cronista oficial da cidade, Eduardo Lence-Santar-Guitián.

Bibliog.:
-X. Isidro Fernández Villalba, «Os cronistas da cidade de Mondoñedo», Terra e Tempo, 6.09.2011.

_____
22 de xaneiro de 1913

Morre en Santa Cruz do Couzadoiro, Ortigueira (A Coruña), onde era párroco, Felipe Lence Pérez. Ademais de crego ilustrado, foi poeta e prosista notable. Nacera o 1 de maio de 1848 en Mondoñedo.

Bibliog.:
-E. Lence-Santar y Guitián, «La poesía en Mondoñedo», en El Ideal Gallego, 7 de xuño de 1921.

_____
25 de xaneiro de 1809

O xeneral Fournier ocupa Mondoñedo con 1.300 soldados de infantería e 700 dragóns, o principal corpo da cabaleiría do exército francés. O xeneral hospédase no pazo bispal. Ao seguinte día, queixoso pola falta de comodidade do apousento, está a piques de pasar pola espada ao bispo Andrés Aguiar y Caamaño. O bispo non sofre dano pero vese obrigado a publicar unha pastoral para solicitar obediencia ao emperador francés. Nos días e meses seguintes os veciños do Valadouro, Oirán, Masma, Viloalle e outros lugares fanlle fronte ás tropas francesas con fouces e forcados, e moi poucas armas. Os principais enfrontamentos tiveron lugar no Monte de Camba, o 17 de febreiro, coa consecuencia de 28 mortos entre os paisanos, no Monte de Carracedo, o 3 de marzo, con algún mortos, e no Monte Trinidad, Vilamor, o 11 de marzo, con varios mortos. Ao fin, entre o 14 e o 19 de abril deste ano 1809, as tropas francesas abandonan Mondoñedo.

____________________________
FEBREIRO
____________________________
9 de febreiro de 1927

Morre en Mondoñedo Eustorgia Acebo Parga, chamada “A Francesiña” pola maneira provocadora que tiña de vestir nos anos mozos. Tivo amores co músico Pascual Veiga que foron desautorizados polo tío e titor da moza (quedara orfa de pai e nai con menos de 7 anos), o crego Alejo Acebo Rivas. O tío choeuna no convento de Valdeflores de Viveiro e Pascual Veiga marchou de Mondoñedo en 1864 para non regresar. Eustorgia casou co médico Víctor Salvatierra Freire, do que, sen ter descendencia, se separou. Está sepultada nun mausoleo familiar no Cemiterio Vello de Mondoñedo, a escasos metros doutro onde descansan os restos de Pascual Veiga. Nacera o 14 de abril de 1848.

Bibliog.:
-Andrés García Doural, «El amor prohibido de Pascual Veiga, I, II e III», blog: Miscelánea Mindoniense.

_______________________
13 de febreiro de 1873

Nace no Vilar, en Viloalle, José Manuel Barro González, aprendiz de reloxeiro, afeccionado ao ciclismo, sindicalista agrario, mercou unha fábrica de lenzos, velames e lonas que convertiu, primeiro en central hidroeléctrica e logo nunha industria punteira de automoción (importou en 1905 o primeiro motor de explosión que se viu en Galicia) que floreceu en Chavín, Viveiro, desde 1907 ata 1981. Representante da firma francesa De Dion-Bouton, construtor de bicicletas, camións e autobuses, morreu en Viveiro o 14 de xaneiro de 1943.

Bibliog.:
-C. Nuevo Cal, «Un precursor da industria da automoción en Galicia», Empresarios de Galicia, Fundación Galicia-Empresa.

_____
27 de febreiro de 1937
Festa homenaxe a Alemaña nazi en Mondoñedo. Proxectáronse os filmes “O triunfo da vontade”, un documental alemén sobre o Congreso do Partido Nacional Socialista de 1934, e “O inimigo público número 1”, película que amosa o nefasto labor do comunismo en todo o mundo.
____________________________
MARZO
____________________________
18 de marzo de 1834
Resolución da Raíña Gobernadora en contestación ao escrito que lle dirixixira o coronel de Rexemento Provincial de Mondoñedo solicitando castigos severos para os mozos que se automutilan (arrancándose os dentes, cortándose os dedos das mans), para evitar o servizo das armas. Na contestación di que ninguén quede libre de prestar o servizo de armas aínda que lle falten dentes, dedos ou incluso ollos; e de probarse que se mutilaron maliciosamente, se duplique o tempo de prestación, e se fose enteiramente inútil se lle impoñan 8 anos de presidio.
____________________________
ABRIL
____________________________
2 de abril de 1839
Nace en Mondoñedo (en realidade foi atopado nesta data diante da porta do Hospital de San Pablo) Francisco de Paula e Buón. Logo sóubose que era fillo do organista da catedral de Mondoñedo, Tomás Buón, e de Manuela Coia. Destacou como poeta, mesmo, segundo E. Lence-Santar, mantiña conversacións en verso, e tamén foi músico, ademais de crego. Morrería afogado o 14 de agosto de 1872 cando se bañaba na ría de Foz. Foi soterrado no cemiterio desta localidade.

Bibliog.:
-X. Isidro Fernández Villalba, «Francisco de Paula e Buón», Terra e Tempo, 26.01.2013.
-E. Lence-Santar y Guitián, «La poesía en Mondoñedo», en El Ideal Gallego, 7 de xuño de 1921.

_____
21 de abril de 1963
Celébrase no Real Seminario Santa Catalina de Mondoñedo o acto de entrada na Real Academia Galega de Álvaro Cunqueiro. Ocupaba a vacante deixada por Ramón Cabanillas. O discurso de contestación estivo a cargo de Francisco Fernández del Riego.
_______________________
MAIO
_______________________
17 de maio de 1969
A Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas ao mindoniense Antonio Noriega Varela.

17 de maio de 1983
A Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas ao mindoniense Manuel Leiras Pulpeiro.

17 de maio de 1986
A Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas ao abadinense Aquilino Iglesia Alvariño, formado no Real Seminario Santa Catalina de Mondoñedo.

17 de maio de 1991
A Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas ao mindoniense Álvaro Cunqueiro.

17 de maio de 2014
A Real Academia Galega dedícalle o Día das Letras Galegas ao guitiricense Xosé Mª Díaz Castro, formado no Real Seminario Santa Catalina de Mondoñedo.
_______________________
XUÑO
_______________________
11 de xuño de 1951
Eduardo Lence-Santar y Guitián recibe no Salón de Plenos do Concello, de mans do alcalde de Mondoñedo, as insignias da “Encomienda de la Orden de Alfonso X el Sabio”, que lle fora concedida polo Ministro de Educación Nacional en 1949.

Bibliog.:
-X. Isidro Fernández Villalba, «Os cronistas da cidade de Mondoñedo», Terra e Tempo, 6.09.2011.

_____
12 de xuño de 1866
<p style="text-align: justify"Nace en Mondoñedo Valentín García Fraga. Emigra novo a Uruguai, apenas 15 anos, instalándose en Melo, Cerro Largo, en 1881. Foi comerciante, orador e xornalista. Casou con Josefa Saiz de García e é pai do escritor uruguaio Valentín García Saiz. Morre en 1914.
_____
12 de xuño de 1918
Morre en Lugo, Emilio Tapia Rivas. Nacera en Mondoñedo o 7 de agosto de 1862. Avogado, político, profesor, xornalista, escritor, membro fundador da Real Academia Galega. Foi presidente da Deputación de Lugo desde 1915 a 1917.
_____
13 de xuño de 2015
Elena Candia, candidada polo Partido Popular, gañador das eleccións locais celebradas o 23 de maio con maioría absoluta, toma posesión como alcaldesa de Mondoñedo.
_____
24 de xuño de 2015
A alcaldesa mindoniense, Elena Candia, é elixida presidenta da Deputación de Lugo; a primeira muller que ocupa este cargo en toda a historia da institución. Deputada polo partido xudicial de Mondoñedo en representación do Partido Popular (PP) exercería o cargo ata o 8 de outubro de 2015, data na que se vota unha moción de censura presentada polos deputados e deputadas do Partido Socialista Galego-PSOE e do Bloque Nacionalista Galego (BNG), sendo elixido novo presidente, Darío Campos, alcalde do concello da Pontenova.
_____
27 de xuño de 1905
Morre en Mondoñedo o bispo Manuel Fernández de Castro y Ménendez Hevia, coñecido con don Manolín e O Santo. Nacera en Oviedo o 10 de xaneiro de 1834. Foi bispo de Mondoñedo desde 1889 ata a súa morte en 1905. Escritor e tradutor en bable, un dos referentes da Llingua. Está soterrado no cemiterio da parroquia do Carme.
_____
28 de xuño de 1813
Arrestan ao bispo de Mondoñedo, Andrés Aguiar Caamaño, por negarse a acatar a orde de abolición da Inquisición.

28 de xuño de 1868
Morre en Lugo o médico, xornalista e filósofo mindoniense Dimas Corral Rebellón. Era fillo de Luis Corral Rodríguez (destacado membro da chamada Escola de Cantores Mindonienses do Nadal), e pai de Clara, Rita e Consuelo Corral Aller, as tres escritoras. Nacera en Mondoñedo o 3 de febreiro de 1820.
_____
30 de xuño de 1895
Morre en Mondoñedo Jacinto Romualdo López e López Bolaño. Trasladouse moi novo a Mondoñedo, onde residiu ata a súa morte, para estudar no Seminario. Foi mestre, xornalista e político, sendo alcalde de Mondoñedo entre 1843 e 1844. Poeta en latín, castelán e galego, é autor de varios vilancicos polo que é considerado membro da chamada Escola de Cantores Mindonienses do Nadal. Nacera en Ribadeo o 7 de febreiro de 1808.

Bibliog.:
-Andrés García Doural, «Un mindoniense poco conocido», blog: Miscelánea Mindoniense.
-E. Lence-Santar y Guitián, «La poesía en Mondoñedo», en El Ideal Gallego, 7 de xuño de 1921.


30 de xuño de 1968
Primeira edición da Rapa das Bestas nos Montes de Campo do Oso, e desde entón, ininterrumpidamente, vense celebrando ano a ano o cuarto domingo do mes de xuño.
_______________________
XULLO
_______________________
2 de xullo de 2015
Preséntase en Mondoñedo, no Centro Comarcal, o libro “Mondoñedo literario” de Armando Requeixo. No acto, ademais do autor, interviron o profesor e escritor Cladio Rodríguez Fer e o tenente de alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero Legide.
_____
5 de xullo de 2005
Morre en Mondoñedo Jaime Cabot Bujosa, coengo e organista da catedral de Mondoñedo. Nacido en Mallorca o 24 de xullo de 1913, residía en Mondoñedo desde 1940. Tiña sona de santo.

5 de xullo de 2015
A UNESCO fai pública a inclusión na Listaxe do Patrimonio Mundial do Camiño da Costa e do Camiño Primitivo, así como dalgúns edificios singulares asociados como a catedral de Mondoñedo.
______
12 de xullo de 1924

Grave accidente nunha curva da estrada xeral en Sasdónigas. O ómnibus que facía a ruta A Coruña-Ribadeo, matricula de Lugo e marca Dion Boutón (motor con patente francesa, probablemente fabricado en Chavín, Viveiro, na fábrica fundada por Jose Manuel Barro González, de Viloalle), sofre un grave accidente cando baixaba desde A Xesta en dirección a Mondoñedo. Nunha das curvas, a do quilómetro 26, atópase de fronte cun coche marca Ford e matricula de Oviedo, e ao cruzárense ambos vehículos colisionan, probablemente o tapacubos do eixo traseiro do coche que sobe impacta no eixo dianteiro do omnibús, e os chaufeurs non poden controlalos.
Mentres que o Ford se foi á cuneta sen consecuencias para os ocupantes, o omnibús caeu pola carricova uns 25 metros, dando tres voltas de campá. Resultou morto José González Reinante, propietario dunha fonda na Pontenova, houbo tres feridos moi graves e varios máis de menor consideración. O ómnibus era propiedade da empresa dos irmáns Freire de Vilanova de Lourenzá; O Ford, cuxos tres ocupantes prestaron os primeiros auxilios, era do xoiero ovetense Pedro Álvarez.

_____
13 de xullo de 1927
Mércores. Grave accidente no Pozo Mouro. Sobre as nove da mañá, ao coche correo que se dirixía a Lugo desde Ribadeo agarratóuselle a dirección na curva do Pozo Mouro e, como consecuencia, ao non poder contrololalo o chauffer, caeu polo terraplén e deu unha volta de campá. Tres viaxeiros resultaron con feridas graves, entre eles unha muller, e outros varios menos graves ata un total de dezasete. Foron atendidos en Mondoñedo polo médico Manuel Soto. O auto quedou moi danado.
_____
21 de xullo de 1813
Dáse lectura nas Cortes dunha “exposición del ayuntamiento constitucional de la ciudad de Mondoñedo, en que después de felicitar al congreso con las más espresivas demostraciones por la extinción del feudalismo, del voto de Santiago y del tribunal de la Inquisición, y por los demás decretos beneficos que ha sancionado”.
_______________________
AGOSTO
_______________________
14 de agosto de 1872
Morre afogado cando se bañaba na ría de Foz o crego, poeta e músico Francisco de Paula e Buón. Foi soterrado nesta localidade.

Bibliog.:
X. Isidro Fernández Villalba, «Francisco de Paula e Buón», Terra e Tempo, 26.01.2013.
E. Lence-Santar y Guitián, «La poesía en Mondoñedo», en El Ideal Gallego, 7 de xuño de 1921.

_____
21 de agosto de 1933
<p style="text-align: justify"Morre en Bos Aires o 21 de agosto de 1933 Francisco García Olano. Foi síndico do Banco de Galicia presidente do Centro Galego de Bos Aires desde o 29 de setembro de 1923 ata o 14 de outubro de 1926. Na súa “etapa luminosa” como presidente creouse a Farmacia Social e incrementouse o número de socios en máis de seis mil; de 9.818 pasaron a 16.076. Nacera en Mondoñedo, na rúa da Ponte, o 12 de setembro de 1870.

Bibliog.:
X. Ruíz Leivas, «Mindonienses ilustres», en Mondoñedo, nº 104, páx. 6, agosto de 2011.

_____
31 de agosto de 1995
<p style="text-align: justify"Morre en Madrid Victoriano López García. Enxeñeiro industrial, catedrático e gran afeccionado ao cine. Crea en 1947 o Instituto de Investigaciones y Experiencias Cinemetagróficas, sendo o seu primeiro director. E, entre outras moitas ocupacións e cargos relacionados co cine, foi produtor e fundou e dirixiu a revista “Cine experimental”. Foi recoñecido pola Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas co Premio Goya de Honor en 1990. Naceu en Mondoñedo, no nº 16 da rúa Leiras Pulpeiro, o 22 de marzo de 1910.
_______________________
SETEMBRO
_______________________
5 de setembro de 2010
Morre en Lugo, Francisco Mayán Fernández. Cronista Oficial de Mondoñedo desde 2001 ata 2010. Foi soterrado en Cee, a súa vila natal, onde nacera o 30 de setembro de 1916. Profesor e director do Instituto “San Rosendo” desde a inauguración en 1954 ata a súa xubilación. Na década dos 60 foi alcalde de Mondoñedo e é autor de numerosa e valiosa obra sobre a historia local.

Bibliog.:
-X. Isidro Fernández Villalba, «Os cronistas da cidade de Mondoñedo», Terra e Tempo, 6.09.2011.

_____
12 de setembro de 1954
Celébrase nesta data, coincidindo co domingo de cebración da festividade, a solemne ceremonia de Coroación da Virxe dos Remedios. Publícase o primeiro número de “Pregón Mindoniense” cuxo primeiro número se dedica integramente a esta ceremonia con artigos asinados, entre outros, por A. Cunqueiro, E. Lence-Santar, Alejo Barja, Francisco Mayán, A. Noriega, Xosé Díaz Jácome, Xosé Trapero Pardo e José María Santeiro. O xornal desapareceu en 1957.

Bibliog.:
-Galiciana. Biblioteca de Galicia, «Pregón Mindoniense”

_____
18 de setembro de 1970
Regresan a Mondoñedo, desde o cemiterio da Almudena de Madrid, os restos mortais de Pascual Veiga.

Bibliog.:
-A. Reigosa, «De Madrid a Mondoñedo: A procelosa travesía dos restos de Pascual Veiga», blog: Caderno de Campo.

_____
26 de setembro de 1826
Pedro Ribero, capataz e monteiro maior da provincia de Mondoñedo, comunica nesta data á Real Audiencia de Galicia que matara 14 lobos grandes e que collera tres camadas, unha de 12 lobeznos, outra de 11 e a terceira de 9, entre as que había 12 femias.
_____
27 de setembro de 1910

Morre en Madrid José Villaamil y Castro (Madrid, 1838- Madrid, 1910), eminente home de ciencia criado en Mondoñedo, que estivo moi vencellado a varios proxectos museolóxicos como ideólogo e promotor, e como doante. Elaborou a memoria fundacional do Museo Arqueolóxico de Galicia que se quería crear en Compostela na década dos 80 do s. XIX (era a continuación do primeiro museo galego inaugurado en 1877 pola Sociedade Económica de Amigos do País), foi director interino do Museo Arqueológico Nacional de Madrid, cronista da provincia de Lugo, arquiveiro, bibliotecario, investigador e divulgador incansable da arqueoloxía mindoniense e, en xeral, da galega. A el están dedicadas con todo merecemento as xornadas mindonienses de arqueoloxía que con acerto e perseveranza vén organizando o arqueólogo Abel Vigo desde o ano 2001.

Bibliog.:
-Antonio Reigosa, «Un museo para Mondoñedo Mondoñedo»

_______________________
OUTUBRO
_______________________
22 de outubro de 1917

Gran colofón ás San Lucas de 1917, pois, promovido pola “Irmandade da Fala” da Coruña e o coro “Cántigas da Terra”, celébrase un Mondoñedo unha emotiva homenaxe a Pascual Veiga. Para participar neste acto chega a Mondoñedo na tarde do domingo 21 o coro coruñés “Cántigas da Terra”, co seu presidente, Eladio Rodríguez, á fronte. Acompáñaos Lois Peña Novo, secretario da “Irmandade da Fala” da Coruña.
Antes, os viaxeiros fixeron parada en Vilalba. Alí o coro coruñés cantou no templete da Alameda algún números do seu “enxebre” repertorio e Lois Peña Novo impartiu unha conferencia no Centro de Artesáns titulada “O rexionalismo”.
Ao chegar a Mondoñedo fanlle o recibimento as autoridades locais, a comparsa “Os Pacheco” e os orfeóns “Pascual Veiga” e “Brisas do Masma”, que obsequian aos coruñeses cunha serenata. Ás dez da noite celébrase no salón-teatro do Casino unha velada e o presidente de “Cántigas da Terra” dá lectura a un saúdo do alcalde da Coruña, señor Puga.
O luns 22, ás 10 da mañá, o coro da Coruña recorre varias rúas de Mondoñedo. Ás 11 fórmase unha procesión cívica ata o camposanto e diante o mausoleo de Veiga pronuncian discursos o presidente de “Cántigas da Terra”, Eladio Rodríguez, o alcalde de Mondoñedo, Ramón Martínez G. de Ínsua, o xuíz de orixes coruñesas exercente en Mondoñedo, Pérez Fontán y Villarroel, e Lois Peña Novo. Despois de depositar unha coroa de flores naturais sobre a tumba de Veiga, remata o acto coa interpretación do Himno Galego.
Pola tarde, logo de pasar polo Cantón, o coro “Cantigas da Terra” visita o Seminario e participa na festa galega que se celebra no Campo dos Remedios xunto cos orfeóns “Pascual Veiga” e “Brisas do Masma”, e as comparsas “Estos” e “Os Pacheco”. Ao remate houbo desfile e bengalas. A todas as actuacións e actos acudiu numeroso público.O coro “Cántigas da Terra” regresou á Coruña esa mesma noite.
O día 25, o xornal “El Ideal Gallego” publica unha nota de agradecemento a Mondoñedo e a todos os mindonienses asinada polo presidente de “Cántigas da Terra”, Eladio Rodríguez González, e polo secretario, Salvador Fojón. E o día 27, no mesmo xornal, Antonio Maseda faise eco do agradecemento aos coruñeses e á “Irmandade da Fala” por escolleren a composición de Veiga como Himno de Galicia. Maseda aproveita a ocasión para lembrar a actitude de M. Murguía cando, nun escrito publicado no Almanaque Gallego (1), editado en Bos Aires por Manuel Castro López o 1 de xaneiro de 1915, puxo en dúbida a autoría (de autor ou popular) da alborada de Veiga.

Bibliog.:
(1)-Antonio Reigosa, «Cando Murguía cabreou aos mindonienses

_____
23 de outubro de 1997
Morre en Valencia Álvaro Pérez Vázquez, futbolista e entrenador profesional. Como xogador do Valencia C. de F. durante once temporadas gañou 2 ligas e 2 copas do campionato español. Nacera en Mondoñedo o 30 de abril de 1916.
_____
22 de outubro de 1917

Non sabemos con exactitude a data de constitución pero nesta data ou nas inmediatas posteriores, a instancias do avogado vilalbés e secretario da “Irmandade da Fala” da Coruña, Lois Peña Novo, constitúese en Mondoñedo a “Irmandade da fala” local. Formalízase en reunión celebrada no salón-teatro do Casino quedando o órgano directivo da seguinte maneira: conselleiro primeiro, Eduardo Lence-Santar y Guitián, cronista e arquiveiro; conselleiro segundo, Dodolino Trigo, tenente de alcalde e director de “La Voz de Mondoñedo”; secretario, Antonio Maseda, avogado e licenciado en Filosofía e Letras; vicesecretario, José Mª Rego González, banqueiro; tesoureiro, Jorge González Redondo y Serrano, propietario, e como vocais os señores José Polo Folgueira e Antonio Ferreiro Lamas. Figuran na irmandade mindoniense numerosos socios pertencentes a todas as clases sociais, asegura a prensa da época.

_____
25 de outubro de 1854
Nace na rúa da Ronda (hoxe rúa Febrero) Manuel Leiras Pulpeiro. Un home cun profundo e honesto compromiso cos desfavorecidos do seu tempo, un combatente contra a barbarie fundamentalista tanto civil como relixiosa, un inimigo radical da soberbia dos poderosos. Poeta, médico, lexicógrafo, etnógrafo, político progresista e republicano, patriota, masón, filántropo, humanista, foi coñecido como o “médico dos pobres” porque sempre antepuxo as necesidades das persoas por enriba de calquera interese material.Unha persoa, e definitiva, boa, consecuente e coherente cos seus ideais e principios ata o final dos seus días. Morreu en Mondoñedo o 9 de novembro de 1912.

Bibliog.:
– «Manuel Leiras Pulpeiro», Web da Real Academia Galega.
-MANUEL LEIRAS PULPEIRO (1854 – 1912). O POETA E O CIDADÁN AO CABO DUN SÉCULO (Coord. da edición: Xe Freyre e Abel Vigo García), Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, 2014.

_______________________
NOVEMBRO
_______________________
1 de novembro de 1918

Públicase o primeiro número de “Acción Social”, órgano do Centro de Acción Social Católica de Mondoñedo. O seu primeiro director foi Antonio Maseda Bouso e tivo como redactor-xefe a Xosé Trapero Pardo. Desapareceu en 1930 cando se fusionou con “Galicia Agraria”, dando lugar á cabeceira “Galicia Social Agraria.

_____
6 de novembro de 1425

“De noite a primeira durmidura”, segundo se expresa no calendario antigo, un gran incendio destrúe practicamente a cidade de Mondoñedo. Nun documento do Libro Pechado de 16 de novembro deste ano dise que se queimou a maior parte da cidade “enna queyma e fogo arderán moytas casas e plaças que fasian foro aa dicta iglesia e cabildo”. Un desastre. Perdéronse casas e rendas, e custou moita fame, tempo e esforzo recuperarse do desastre.

_____
7 de novembro de 2015
Homenaxe en Mondoñedo a don Enrique Cal Pardo. Acto de recoñecemento, na véspera do seu 93 aniversario, no que se presentou a súa publicación “Mondoñedo –catedral, cidade, bispado- na segunda metade do século XV”, magnificamente editada polo servizo de publicacións da Deputación Provincial.

Bibliog.:
BREVE CRÓNICA DO ACTO «Homenaxe en Mondoñedo a don Enrique Cal Pardo

_____
9 de novembro de 1912

Morre en Mondoñedo Manuel Leiras Pulpeiro. Un home cun profundo e honesto compromiso cos desfavorecidos do seu tempo, un combatente contra a barbarie fundamentalista tanto civil como relixiosa, un inimigo radical da soberbia dos poderosos. Poeta, médico, lexicógrafo, etnógrafo, político progresista e republicano, masón, filántropo, humanista, foi coñecido como o “Médico dos pobres” porque sempre antepuxo atender as necesidades das persoas a calquera interese material. Unha persoa, e definitiva, boa, consecuente e coherente cos seus ideais e principios ata o final dos seus días. Nacera en Mondoñedo, na rúa da Ronda (hoxe rúa Febrero), o 25 de outubro de 1854.

Bibliog.:
– «Manuel Leiras Pulpeiro», Web da Real Academia Galega.
-MANUEL LEIRAS PULPEIRO (1854 – 1912). O POETA E O CIDADÁN AO CABO DUN SÉCULO (Coord. da edición: Xe Freyre e Abel Vigo García), Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, 2014.

_____
18 de novembro de 1918

Mondoñedo tamén estivo presente aquela “noite do 18 de Samartiño do mil novecentos dazaoito” no Teatro Lugo-Salón de Lugo. Entre os asambleístas asinantes figura o entón cronista oficial de Mondoñedo (érao desde o 25 de abril de 1917) e membro correspondente da RAG, don Eduardo Lence Santar Guitián.
Aquel manifesto, froito da I Asamblea Nazolista celebrada en Lugo os días 17 e 18 de novembro, constitúe o verdaderio tránsito do rexionalismo ao nacionalismo, o inicio dun percorrido que está a piques de cumprir o primeiro século cando en 1916 conmemoremos o centenario da fundación dos promotores deste movemento: as Irmandades da Fala.

_____
23 de novembro de 1980

Morre en Mondoñedo o político e avogado José Sánchez Gacio. Fora presidente da Deputación de Lugo e gobernador civil na Coruña nos anos da II República. Sánchez Gacio foi detido en Mondoñedo en agosto de 1936 e trasladado a Lugo xunto a G. Otero Villaba, Patricio Vijande, Cándido Carreiras, Alfredo Martínez e J. Ramón Villamarín Pallín. Nesas datas foron detidos outros en Mondoñedo, entre eles o seu irmán “Tatino”. Nove deles, con Sánchez Gacio, foron xulgados en Consello de Guerra na Coruña o 10 de abril de 1937, acusados de auxilio á rebelión. J. Ramón Villamarín, alcalde ata xullo de 1936 e perito agrícola, G. Otero Villalba, avogado; A. Martínez Martínez, delegado do Socorro Rojo Internacional; P.Vijande Villar, comerciante e concelleiro; G. Leivas Freire, secretario da UGT; C. Sánchez Gacio, irmán de José, E. González Valoría, tenente de alcalde e menciñeiro, e G. Fanego Salaverri, médico e presidente de Izquierda Republicana.
José foi condenado a pena de morte, sentenza conmutada pola de cadea perpetua. Logo foi deportado a Zamora. É moi recomendable a lectura de ”Consejo de Guerra por Rebelión Militar. Mindonienses condenados en 1937” de Ricardo Pedreira.

Bibliog.:
–X. Isidro Fernández Villalba, «A República no Concello de Mondoñedo», Terra e Tempo, 06.08.2012.
-Antonio Reigosa, «Na memoria de José Sánchez Gacio

_____
30 de novembro de 1915
Nace o músico popular Tomás Gruñeiro Reigosa “O Páxaro” no Barrio da Cuba, parroquia de Argomoso. (completar info)
_______________________
DECEMBRO
_______________________
4 de decembro de 1903

El Correo de Galicia publicaba unha nota na que daba conta da visión dun fantasma polos arredores da ermida da Nosa Señora dos Remedios. A visión repetiuse varias noites e os que as testemuñas descríbeno o fantasma como un home “de colosal estatura, cubierto con una especia de túnica negra y que aparece y desaparece lanzando ayes lastimeros que llenan de pavor a los veciños de aquellos contornos”. A garda civil fixo indagacións e inspeccionou os lugares onde se deixou ver pero sen resultado.

_____
7 de decembro de 1895
Nace en Mondoñedo o pintor José María Rodríguez González. (+ info)
_____
21 de decembro de 1899

Morre en Madrid o avogado e político Valentín Patricio Cándido José Martínez Montenegro, máis coñecido como Cándido Martínez Montenegro. Nacera en Mondoñedo, na Praza da Catedral, o 9 de marzo de 1831. «(Completar info).

____
21 de decembro de 1909
Entre o martes 21 e o mércores 22 de decembro de 1909, un gran temporal causou graves danos en Mondoñedo e en case toda a provincia de Lugo.
_____
22 de decembro de 1877
-Nace en Mondoñedo o avogado, impresor, empresario, xornalista e político César González Seco- Romero.
-Licenciase en Medicina Manuel Leiras Pulpeiro.

22 de decembro de 1911
Nace en Mondoñedo o grande escritor Álvaro Cunqueiro Mora.
_____
23 de decembro de 1894

Nace en Melo, Cerro Largo, Uruguai, o escritor Valentín García Sáiz, fillo do mindoniense Valentín García Fraga. Conveciño e amigo de Juana de Ibarbourou. Autor de numerosas obras literarias. Morreu en Montevideo o 3 de agosto de 1974.

(Completar info)
_____
27 de decembro de 1925
Morre en Mondoñedo Víctor de Silva Posada.(completar info)
_____