Valentín García Sáiz, un gran narrador gaucho de pai mindoniense

Xosé Ruíz Leivas, amigo e incansable indagador de vestixios mindonienses polo mundo, é quen me pon na pista deste fillo da nosa emigración; un nome que en xustiza debera estar ao lado doutros uruguaios con raiceiras mariñás como “El Viejo Pancho” e Juana de Ibarbourou.
O seu pai, Valentín García Fraga, naceu en Mondoñedo o 12 de xuño de 1866 e emigrou a Uruguai en 1881. Axiña se acomodou ao mundo rural gaucho, dedicouse ao comercio, foi xornalista e casou on Josefa Sáiz. Morreu en Melo en 1914.
vgsaizO comerciante mindoniense tivo once fillos, entre eles Valentín García Sáiz, nacido en Melo (coetáneo e fraternal colega de Juana de Ibarbourou), en Cerro Grande (Uruguai), o 23 de decembro de 1894. Por mor dunha doenza trasladouse a Montevideo aos 15 anos. Desde os 16 e ata os 46 traballou como funcionario na Administración Nacional de Portos, ao tempo que ía construíndo unha recoñecida obra literaria. Casou aos 27 anos coa pintora Orfilia Carlevaro, muller da que enviuvou en 1951, e coa que tivo dous fillos, Juan José (morreu con 23 anos) e Dafnis.
En 1957, con 63 anos, casa con Eloísa Portas Ravera, coa que ten un fillo chamado Valentín Eduardo. En atención aos seus méritos, o goberno uruguaio concedeulle una pensión graciable. Ademais de narrador e poeta, e de exercer de funcionario público, foi actor afeccionado, membro da Sociedad Folklórica del Uruguay, cronista social moi interesado nas artes plásticas e na música. Nos últimos anos padeceu graves problemas de saúde, tanto de tipo psíquico (quizais causados porque o meniño estivo a punto de morrer) como derivados da arteriosclerose. Mesmo deixou de escribir por prescrición médica. Morreu en Montevideo o 3 de agosto de 1974.
Comezou a publicar contos en “Mundo Argentino” en 1923, que agrupados acabaron conformando o seu primeiro libro, “Tacuarí”. A seguir publicou “Salvaje” (1927), outra colección de contos, e “Pilchas” (1943). Siguen “Las Bóvedas” (1954), texto dramático, e, a última obra en 1957, unha recompilación baixo o título “Leyendas e supersticiones de Uruguay”. Antes editárase o seu libro máis popular, “El narrador gaucho” (1945), traducido ao portugués e ao inglés, co vello narrador Tío Tucú de protagnonista.
Os críticos téñeno definido como escritor de estilo irregular pero con gran dominio das tramas, mestre nos diálogos. Un narrador de ritmo demorado con desenlaces crus e vibrantes. Moi bo recreador da fala crioula, “nativista” por tratar nos seus contos, aderezados con efectivas e sorprendentes pingas de realismo máxico, temas do mundo rural gauchesco e das súas tradicións.
O único sobrevivente dos seus fillos, Valentín García Sáiz Jr. publicou unhas memorias propias en homenaxe ao pai tituladas “Locuras y sueños de un uruguayo”. Reside en Hawai onde se dedica a actividades deportivas e a outros oficios, entre eles de “extra” para o cine. Estivo de visita por Mondoñedo en 2008, e desde entón, segundo o anunciado daquela na prensa, está pendente unha homenaxe ao pai que, opino humildemente, moito merece.

©Antonio Reigosa
Artigo publicado en La Voz de Galicia (A Mariña) o 28.XII.2015.

Esta entrada foi publicada en Mondoñedo e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.