Como falamos os brañegos de agora

“Cada vello que vai á cova leva consigo un anaco vivente do falar do pobo”, deixou dito Ramón Otero Pedrayo, animador principal do meritorio traballo recolector de Antonio Noriega Varela. Noriega tomou boa nota do consello e, convencido da urxente obriga de beber a nosa lingua no gurgullo da boca da xente, pescudou nese manancial as notas que remataron no prelo en 1928 baixo o título “Como falan os brañegos” (serie I).
Aquel compendio de locucións, frases, modismos, refráns, cantares, adiviñas e algún conto, recompilados maiormente na Graña de Vilarente, no concello de Abadín, son parte dun tesouro léxico e literario que se foi indo á cova canda os nosos devanceiros. Reler de cando en cando aqueles máis de mil exemplos que Noriega nos legou confirma, desgrazadamente, a predicción de Otero Pedrayo. Pasaron só oitenta anos e a perda, só de palabras, resulta inmensa e moi dolorosa. E que dicir, que non se saiba, de todo o demais; das locucións, dos modismos e dos refráns, dos ditos, das adiviñas, das sentenzas, das cantigas e dos contos, que xa non van oír outro cuco de tanto estar comendo terra.
Na sección que Noriega titula “Unha leria pr’os rapaciños” mesmo falan os animais: a besta, a vaca, o can, o raposo, a ovella, o lobo, o moucho, o galo, o rato, o sapo e ra, e ata falan as cobras vellas cando emigran voadoras e, ao tempo, din: Pra Vilanova vou, do demo a quen me veu que non me matou. noriega_00
E que foi das adiviñas, daquel exercicio excelente para exercitar a memoria e para aprender os significados máis insospeitados e sorprendentes das palabras. Ou, que cousa de adiviñar é? Un arado / cinco eguas / e en campo branco / froliñas negras. A resposta está en pensar, e, se cadra, tamén en facer uso dos elementos e utensilios que se mencionan no enunciado da adiviña. Tampouco os refráns teñen vixencia, pois dos moitos centos que veñen neste libro de Noriega non creo que anden agora en uso máis alá dun par de ducias deles.
Da segunda serie de “Como falan os brañegos”, publicada no xornal mindoniense Vallibria, nº 6, o ano 1930, gústanme os alcumes cos que entón, e aínda hoxe nalgún caso, eran coñecidos os brañegos e os veciños dos brañegos, meus paisanos. As do cabaliño, as mulleres de Masma, bergueiros, os de Xestoso, cunqueiros, os de Goá, funos, os de Prevesos, furelos, os de Roás, os do paxariño (polo do Rei Charlo, xa ora), os de Vilanova, os da neveira, os de Labrada, os da Paula, os de Mondoñedo, os do botón de buxo, os de Montouto, os do larpallo, os de Moimenta, manteiguieiros, os das Pontes, os puchos, os de Baroncelle, raposos, os de Guizán, pandeiros ou nebras, os de Estelo, paxareiros, os de Pacios, pexeiros, os de Outeiro…
Pois así de doado resulta responder ao título deste artigo. Os brañegos, e os que non o somos, usamos cada hora menos palabras de noso. Deixamos secar a fonte das vellas palabras: barruzo, lambusco, suco, chucho, vezo, púcaro, trisca, pértego, currisco, zaina…, e bebemos en fontes de dubidosa potabilidade. Morreron o vello e a vella, e con eles un dicionario nunca acabado de facer, nunca escrito en papel, e o que é aínda peor, cada vez menos sentido e aprezado como cerne da nosa identidade .
De iniciativas como a de Antonio Noriega Varela alá polos finais da década dos vinte seguimos precisando, con moitísma máis urxencia aínda hoxe. Mermou tanto o bosque das palabras que semella que o cacarexado cambio climático feriu de morte tamén a nosa lingua. As palabras, a ferramenta dos poetas, tamén morren.
Eu souben dos versos de Noriega antes ca do home ou do poeta pois sentíalle recitar a un dos meus veciños de Zoñán, coa fachenda de quen sabe de memoria, sen tropezos, os cento setenta e pico versos do poema costumista que se titula De Ruada e que comeza: Unha noite de inverno das máis escuras / tentoume seique o demo de ir a Cesuras / por mor dunha rapaza máis feiticeira / que as froliñas que nascen na primadeira… Unha descripción moi detallada dunha fía que tivo lugar na aldea veciña de Cesuras e que chegaba ao seu cume emocional, ou así mo parecía, cando o meu conveciño dicía aquela estrofa onde outro devanceiro de noso quedaba alí retratado para a historia como un campión: Que o frauteiro de Zoñán / anque viste cirigolas / en tendo a frauta na man / acaba por volver tolas / as nenas que á fía van.
Quen sería aquel frauteiro, quería saber eu entón, que tales arrebatos causaba nas nenas que ían á fía de Cesuras? Non o sei, nin, probablemente, o saiba nunca. Tampouco importa.
Aquel poeta, Antonio Noriega Varela, amaba as palabras e fixo porque as coñecésemos, non só rimadas, senón consonte aos seus usos cotiás entre os brañegos da Graña de Vilarente daqueles anos finais da década dos vinte.
Os brañegos de agora e os achegados estamos sendo desconsiderados coa herdanza que Noriega e outros, os nosos mesmos familiares desaparecidos, quixeron deixarnos. Seguramente algún día faremos exame de conciencia e decatarémonos do tarde que se nos fixo para salvar este patrimonio. Unha mágoa.

© Antonio Reigosa
Texto publicado en “Noriega Varela. Memoria dunha homenaxe”, (Daniel e Santiago Noriega, editores), Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, 2010.

Esta entrada foi publicada en Apuntamentos, Mondoñedo e etiquetada . Garda a ligazón permanente.