Na memoria de José Sánchez Gacio

Recordo a súa figura de home paseante, maior, sempre na compaña da súa filla máis nova. Nada sabiamos entón do seu pasado, nin sequera que era o pai da nosa profesora de francés, Talía. O 23 de novembro de 2015 vanse cumprir 35 anos da morte dun dos políticos mindonienses máis activos durante a II República. Chamábase José Sánchez Gacio (don Pepe) e nacera en 1898. Era fillo de Constantino Sánchez Graña, secretario do concello uns 30 anos, funcionario que acabou sendo destituído en 1923 e deportado á Fonsagrada por orde do Ministerio de Gobernación.
Estudou o bacharelato en Lugo e dereito en Compostela. Foi elixido en 1931concelleiro en Mondoñedo na candidatura da ORGA. En outubro de 1934 foi cesado como concelleiro, consecuencias da “outubrada de Asturias”, e reposto en xaneiro de 1936, foi presidente da Deputación de Lugo desde o 4 de agosto de 1932 ata comezos de febreiro de 1934; xa ao final do seu mandato, o 10 de xaneiro de 1934, participa na inauguración oficial do Museo Provincial de Lugo. Foi tamén Gobernador Civil da provincia da Coruña desde o 26 de febreiro ata o 10 de abril de 1936, e presidente do casino mindoniense. En xuño de 1936 era deputado provincial en representación de Izquierda Republicana, e vicepresidente do comité local Pro-Autonomía, con J. Ramón Villamarín Pallín de presidente, entón alcalde, Guillermo Otero Villaba, José Díaz Jácome, Bernardino Vidarte, Germán Fanego, Patricio Vijande e Graciano Leivas.
Sánchez Gacio foi detido en Mondoñedo en agosto de 1936 e trasladado a Lugo xunto a G. Otero Villaba, Patricio Vijande, Cándido Carreiras, Alfredo Martínez e J. Ramón Villamarín Pallín. Nesas datas foron detidos outros en Mondoñedo, entre eles o seu irmán “Tatino”. Nove deles, con Sánchez Gacio, foron xulgados en Consello de Guerra na Coruña o 10 de abril de 1937, acusados de auxilio á rebelión. J. Ramón Villamarín, alcalde ata xullo de 1936 e perito agrícola, G. Otero Villalba, avogado; A. Martínez Martínez, delegado do Socorro Rojo Internacional; P.Vijande Villar, comerciante e concelleiro; G. Leivas Freire, secretario da UGT; C. Sánchez Gacio, irmán de José, E. González Valoría, tenente de alcalde e menciñeiro, e G. Fanego Salaverri, médico e presidente de Izquierda Republicana.
José foi condenado a pena de morte, sentenza conmutada pola de cadea perpetua. Logo foi deportado a Zamora. É moi recomendable a lectura de ”Consejo de Guerra por Rebelión Militar. Mindonienses condenados en 1937” de Ricardo Pedreira.
Sánchez Gacio morre en Mondoñedo o 23 de novembro de 1980 con 82 anos. Na esquela que publica “Hoja del Lunes” de A Coruña dise que deixa viúva, Alicia Gómez Real, e dúas fillas, Talía e Silvia, ademais de catro irmáns. Casualmente, o xornal faise eco na mesma páxina da gran manifestación que tivera lugar na Praza de Oriente de Madrid na véspera cun millón de persoas, convocadas, entre outros por Blas Piñar e Girón de Velasco. Conmemoraban o cabodano das mortes de J. Antonio Primo de Rivera e de Francisco Franco. A forza do fascismo resistente aínda era impresionante.

@Antonio Reigosa
Artigo publicado en La Voz de Galicia-A Mariña (10.11.2015)

Esta entrada foi publicada en Mondoñedo e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.