7 de novembro de 2015: Homenaxe a Enrqiue Cal Pardo

HOMENAXE EN MONDOÑEDO A DON ENRIQUE CAL PARDO
foto acto

Acto de recoñecemento, na véspera do seu 93 aniversario, no que se presentou a súa publicación “Mondoñedo –catedral, cidade, bispado- na segunda metade do século XV”, magnificamente editada polo servizo de publicacións da Deputación Provincial.
Fixo as funcións de mantedor, Fran Bouso; don José Bello, reitor do Seminario, saúdou aos asistentes, Xe Freyre glosou a figura e obra de Enrique Cal Pardo, Antonio Reigosa, en calidade de cronista oficial resaltou a xenerosidade de quen tanto deu e tan pouco recibiu, Antonio Veiga, como vicepresidente da Deputación e responsable do servizo de publicacións, resaltou o valor dos documentos resgatados do arquivo da catedral e agora publicados, e Elena Candia, alcaldesa de Mondoñedo, que anunciou o inicio dos trámites para concederlle a don Enrique en próximas datas o título de Fillo Adoptivo de Mondoñedo.
Francisco Piñeiro, en nome da comisión organizadora, e Xosé Vizoso, como ilustrador da obra presentada, fixéronlle entrega a don Enrique dun estoxo contendo un exemplar único, encadernado en tea, e dun libro de sinaturas, onde se recolleron as dedicatorias dos asistentes que así o desexaron.
Puxo remate ao acto Francisco Cal Pardo, irmán do homenaxeado, trasladando aos asistentes os agradecementos, e un don Enrique emocionado, que recibiu numerosas e prolongadas ovacións.
O acto, celebrado nun salón de actos do Seminario Conciliar a rebentar, rematou cun xantar de confraternidade que tivo lugar no comedor meirande do mesmo con asistencia de 250 persoas. Numerosos colectivos, asociacións e persoas enviaron testemuños de adhesión.
Esta homenaxe foi un acto de xustiza a quen foi, ademais dun gran investigador, unha persoa íntegra, boa e xenerosa. A súa obra é imprescindible. O seu saber, enciclopédico.
Esta homenaxe foi organizada por unha comisión de mindonienses coordinados por Francisco Piñeiro, cuxos nomes son Mª Paz Rodríguez Silva, José Luís Fernández Fernández, Jesús Robles, José Manuel Fernández Díaz, José Fernández Noriega, Ramón Castañeda Gutiérrez, Amelia Valoría Rico, Aturo Bello Fernández, Alicia Tella-Villamarín, Fran Bouso, Andrés García Doural, Xe Freyre e Antonio Reigosa, contando coa entusiasta colaboración do Seminario Conciliar e do concello de Mondoñedo.

Bibliog.:Antonio Reigosa, «Don Enrique, o Xeneroso»

(+ Dietario de Mondoñedo)

Esta entrada foi publicada en Mondoñedo, Os días de Mondoñedo e etiquetada , , , , , , , , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.