Don Enrique, o xeneroso

Se eu tivese que escribir o relato vital de don Enrique Cal Pardo, tomaría como modelo a saga que conta do bo corazón e nobres sentimentos do islandés Brand, alcumado O Xeneroso. Ambos, salvando os mil e pico anos de historia que os separan, son, ao tempo, exemplos de persoas sabias e magnánimas que moito ben fixeron á humanidade: Brand a Noruega, e don Enrique a Viveiro, pero sinaladamente a Mondoñedo e aos bispado que leva o seu nome.
O mozo Enrique Cal Pardo chegou a Mondoñedo desde Galdo un día do final do verán de hai moitos anos como o fixo Brand navegando desde Islandia ata Noruega. Seguramente ningún deles sabía entón que aquela viaxe era para quedar, para botar raíces e prender vida e obra ao lugar de acollida.
Don Enrique, o crego, o cóengo, o deán, o mestre, o xestor, o divulgador, o medievalista, o arquiveiro e historiador que nos foi revelando como un libro vivo sapiencial milleiros de datos agachados no arquivo catedralicio para que todos soubésemos máis de tantas cousas que precisamos saber. Un traballo inmenso, sempre discreto, calado, dun home entregado a unha misión: os demais. O que sabemos da música na catedral de Mondoñedo, dos bispos da diocese, dos tombos e demais documentos custodiados na catedral de Mondoñedo, ata este “Mondoñedo –catedral, cidade, bispado- na segunda metade do século XV”, cuxa presentación vai completar a homenaxe, debémoslle a don Enrique.enrique_cal_pardo
O rei de Noruega pedíalle a Brand, sen que este se queixase endexamais, todo canto este lle podía ofrecer: o seu tempo, o seu saber, a súa memoria … e cando xa nada máis había que pedir, pediulle o saial, a única vestimenta que cubría o seu corpo. E Brand deulla, sen dar queixa, coma sempre, pero esta vez arrincoulle unha das mangas e quedou con ela. Cando o rei recibiu aquela prenda e viu que lle faltaba unha manga entendeu. E pensou: Este home é un sabio. Estame dicindo que só teño un brazo e unha man, a que sempre pide e recibe, pero non a outra, a que dá.
Nós tamén lle pedimos a don Enrique todo canto nos podía dar. E déunolo, incluso máis, sempre xeneroso. Pero só soubemos usar a man e o brazo que recibe. Por iso é de celebrar que con este acto Mondoñedo tamén caia na conta de que temos outro brazo e outra man: a de dar, a que ten que devolver e agradecer, a que recoñece a quen, coma el, tanto merece.
San Fulxencio de Ruspe, o santo bispo cuxa obra estudou e divulgou don Enrique, era quen de provocar lágrimas nos que escoitaban as súas prédicas. Eran bágoas consecuencia da emoción provocada pola grande sabedoría e elocuencia de quen falaba, como emociona ler e escoitar o gran saber de don Enrique.
Participar na homenaxe que se lle rende o día 7 de novembro en Mondoñedo é unha obriga moral e intelectual. Formar parte dunha comunidade de gratitude a quen tanto deu é de xustiza, como o é que Mondoñedo se decate, que nos decatemos todos, do que significa usar as dúas mans: a que recibe e a que dá.

©Antonio Reigosa
Artigo publicado en La Voz de Galicia (A Mariña) o 2 de novembro de 2015.

Esta entrada foi publicada en Mondoñedo e etiquetada . Garda a ligazón permanente.