Mondoñedo – Abu Dabi

Nunca revelaría este secreto se este xornal (La Voz de Galicia) non levantase a lebre ao publicar en días pasados unha información sobre a relación entre as néboas galegas e as do Golfo Pérsico.
Mondoñedo e Abu Dabi atráense como polos dun imán. Hai apenas unha semana non daría creto a tal afirmación pero hoxe si. Sei que é certa pois aínda estiven por alí unhas horas entre o Día Grande das San Lucas e o do Medio deste ano.
Como é ben sabido, en Mondoñedo non hai petróleo, nin petrodólares, nin sequera camelos, pero hai boas augas e cabalos, e tamén, como en Abu Dabi (na cidade e en todo o territorio do emirato), néboa. Hai tantas néboas alí como aquí, especialmente pola parte d’O Fiouco, e de tantas clases como un soñador de neboeiros experimentado poida soñar unha noite cumprida de inverno. Brétemas, brumas, borraxeiras, fuscallos, calixes, barruñeiras, meras … brancas e escuras, transparentes ou translúcidas, odoríferas e inodoras. No persoal non é para min menor a feliz coincidencia de que en Abu Dabi destapasen o primeiro pozo de petróleo o mesmo ano que eu nacín. E mira ti que ben nos foi; a eles co petróleo e a min coa vida en xeral, de momento.
A tarde do domingo, 18 de outubro, neboenta e chuviñosa, ía no coche en dirección a Mondoñedo. Quería chegar a tempo para o concerto de Los Secretos. Non deixei, como debera, a autovía na Xesta senón que seguín adiante. Sempre que nos é permitido o paso polo Alto do Fiouco, gusto de seguir a A8 ata Lindín para baixar a Mondoñedo pola antiga calzada pola que ían e viñan os meus devanceiros paternos.
Non sei en que iría pensando. Vin, é certo, os operarios preparando o valado para cortar o paso; fixéronme acenos para que parase pero non lles fixen caso.
Se cadra, ía abstraído. Na radio ía soando Ses que, casualmente, logo do concerto de Los Secreto ofrecía o seu na Praza da Catedral. A canción, lémbroo ben, dicía: “… cando ansío unha saída / para tronzar os valos / das rúas prohibidas”
Seguín ruta entre o manto branco, sen ver nin sentir nada ao meu arredor por moito tempo. Pola radio ían pasando emisoras de radio que falaban en linguas primeiro coñecidas (francés, italiano, grego …) e logo árabe ata ver (diluírase a néboa) un rótulo grande e luminoso que poñía “Abū Ẓabī”.
Aparquei o coche e chamei á miña muller. Quedaramos en vernos na porta do Auditorio “Pascual Veiga” para irmos xuntos ao concerto de Los Secretos.
Conteille a verdade: Mira, vai entrando ti, que estou en Abu Dabi e non sei cando poderei volver!
O que escoitei ao outro lado non eran precisamente os acordes da canción “En este mundo raro” de Los Secretos, senón outras “sutilezas” moito máis acaídas á situación.
—E cando regresas? —preguntou con certo retintín.
—Pois supoño que cando volva a néboa. Polo momento xa lle dei a volta ao coche para non perder un segundo.
Non direi máis agás que o luns, 19 de outubro, sobre as 10 da noite, cando ía comezar o magno espectáculo “Voces da Paula” eu xa estaba na Alameda dos Remedios coma se non pasase nada.

©Antonio Reigosa
Artigo publicado tamén en La Voz de Galicia_A Mariña (22.10.2015)

Esta entrada foi publicada en Autovía do Cantábrico (A8), Mondoñedo e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.