As San Lucas, danos colaterais

Sería practicamente inabordable, imposible no espazo dun artigo, relatar a casuística incidental que xeraron ao longo de case 860 anos as feiras e festas das San Lucas de Mondoñedo. Unha longa e variada gama de delitos que tiñan, e teñen aínda hoxe, o caldo de cultivo universal nas aglomeracións propias destes acontecementos. Carteiristas, falsificadores, rateiros, cacos e, en xeral, estafadores de moi diversa pelaxe e condición que as máis das veces aparecían e desaparecían do escenario do suceso sen que ninguén, e menos aínda a vítima, se chegase a decatar. A estes espécimes hai que sumar as agarradas, leas e refregas que se activaban cando as xenreiras e outras contas pendentes entre veciños ou forasteiros acendían a chispa candente que inevitablemente prende un exceso de viño, de augardente ou de coñac.
Xa no 1847 se trataba de tranquilizar aos tratantes e comerciantes que pensaban acudir ás feiras de San Froilán e das San Lucas a través dunha circular pois, polo visto, rumoreábase que andaba unha cuadrilla de salteadores importunando o libre tránsito dos viandantes.
En 1915 o golpe dérono os falsificadores de moeda. Catro individuos de “mala fe” colocáronlle a un labrador para pagarlle un cabalo de tres anos 125 pesetas en billetes falsos. Os mesmos compráronlle a unha paisana unha eugua en 85 pesetas, pagándolle con billetes de mentira de 50, 25 e 5 pesetas. Ao ano seguinte foi detido en Lugo cando regresaba de facer un bo negocio nas San Lucas o carteirista Luis García González, de mal nome “Garabito Chico”. E ao ano seguinte, 1917, foron tamén apresados pola garda civil media ducia destes profesionais: José Parga, Carpio Rodríguez “El Quijote”, Gervasio Rodríguez, Gregorio Martínez, Leopoldo Rey e Emilio Torres. Aos carteiristas, que normalmente ían ben traxeados, había que collelos coas mans na masa e non soían pasar máis dunha quincena no cagarrón correspondente.
As liortas eran frecuentes; case unha tradición. Moitas veces, a pelexa acababa en morte como sucedeu cando Luis Eulogio Bernardino Bouso Sanjurjo, alcumado Belisco, de 21 anos, “exfranco galáico” e reincidente matou a navalladas a José Bermúdez “Bolero” no Campo dos Remedios o día 19 de outubro de 1893. No xuízo con xurado popular (formábana dous xuíces e dez campesiños) que tivo lugar na primavera do ano seguinte o reo foi condenado a 15 anos de reclusión e a 3000 pesetas de indemnización para a familia do morto. A vista comezou ás 10 de mañá e rematou ás 5 da tarde, estando todo ese tempo as partes “a pié quieto y sin comer”.
O ano anterior, 1892, tamén houbera navallas nas San Lucas con resultado tráxico. Segundo conta a “Gaceta de Galicia” do 2 de decembro, un canteiro recibiu seis puñaladas e entón, dous meses despois, aparecíaselle a muller defunta, presentándoselle con cornos e botando lume pola boca. A esposa como consecuencia do desgusto polo apuñalamento do marido púxose de parto e morreu repentinamente. O viúvo, e non nos estraña, pedía insistentemente que non o deixasen só.

©Antonio Reigosa
Artigo publicado tamén en La Voz de Galicia_A Mariña (11.10.2015)

Esta entrada foi publicada en Mondoñedo. Garda a ligazón permanente.