A ruta do galo de Leiras Pulpeiro

A Xulio do Canelo e a Pepe de Bastián

O pasado 22 de maio percorremos as xeografías valecas do poema “Un galo” de M. Leiras Pulpeiro. Convidáronnos a Isidro Novo e a min Xulio do Canelo e Pepe de Bastián, un tándem que mestura nas doses xustas o maxisterio ben documentado cunha memoria prodixiosa. Un privilexio.
O poema de Leiras, que fora premiado nun certame literario celebrado en Vigo en 1910, describe con xenerosa retranca a viaxe que protagonizan cinco ou seis mozos do lugar da Costa (entre Pelourín e Valiño), na parroquia dos Remedios ata a Costa do Souto, cabo dos lugares da Bouza Vella e Arco, xa na parroquia de Masma, sempre dentro dos lindes do concello de Mondoñedo. O motivo, a convocatoria dunha corrrida do galo.
Seguimos as andanzas dos mozos da Costa un domingo de Pascua, logo da Coresma, que comezan “na baiuca dos da Xesta” (Xannetos), cabo do Cristo dos Remedios. E de alí, collendo por Cornide, baixando á Granda, chegamos xunto ao Pazo (dos de Laxe) “donde xa sonaba a gaita / do Xugo, e a muiñeira”. Alí mesmo, cabo da ponte de Arco sobre o riseiro Masma, “debaixo dun castiñeiro / que, coas súas longas canas / abertas aos catro ventos / cubría máis do que conden /sete, oito, ou dez palleiros”. Neste lugar, na ribeira, onde o souto do que fala o poema de Leiras só é memoria, armouse entón a corrida do galo. Ao galiforme, grande coma un becerro, metérono nun focho, cun vargo a medias cuberto, “pra que botase de fóra / do pescozo máis do tercio”. Para correlo, os mozos botaron sortes e puxéronse en dúas ringleiras. Foi un, quen, como todos, levaba os ollos cubertos, e fallou, “tronzou dous cardos tarrelos”; foi outro “e acabou perdendo o norte / indo a pegar nun cancelo”. Tócalle agora a quenda a un requeno (mozo máis ben pequeno) do Casal de Vilaverde, en Vilamor, que atinou e ”zas!, polo medio, / o pescozo ao probe galo / lle rabenou”.
Alguén dixo que non valía, e alí comezou a leria. Armouse unha estarabouzada do Demo. Sangraban coma carneiros. Mais, en tanto, e o galo? Pois… viron o focho baleiro.
O galo desaparecera, aínda que despois se soubo que foran aquela noite a Cas Petos (taberna que estaba en Marquide, mesmo á beira da estrada ) cinco rapaces de esmorga. E que ao amencer “ao tornaren para o seu burgo / ríanse a escachar, desfeitos /poñendo ben unhas prumas / que levaban nos sombreiros”.

Xan de Masma e os bispos Sarmiento e Borricón

Un camiño de ida e volta que nos levou desde A Costa na parroquia dos Remedios, cruzando por Pedrido e polos lugares de Vilamor e Masma citados. Mais, de paso que nos conducían polo roteiro do galo, os nosos guías aproveitaron para ilustrarnos sobre outros moitos saberes. Pasamos por cabo da Quinta de Pedrido ou de Coto Redondo, unha casona que foi residencia do capitán carlista e escritor Patricio Delgado Luaces, “Xan de Masma”, autor da novela “A Besta”, ou o lugar de Chao do Val onde estivo un edificio señorial chamado A Torre, antigo solar dos Luaces hoxe desaparecido. Un pouco máis adiante, a igrexa (onde disque está soterrado o corazón do bispo Sarmiento) e o cemiterio parroquial de santo André de Masma. E case apegado ao adro están as ruínas do pazo de Bo Aire, a residencia de verán dos bispos mindonienses desde os tempos do seu promotor, o mesmo bispo Sarmiento. Neste pazo, no leito e contra a súa vontade, xurou un día de decembro de 1833 acatar a disposición do rei Fernando de nomear herdeira da coroa á súa filla Isabel o bispo carlista Francisco López Borricón.
Non lonxe de aquí queda a capela de san Ramón, e Outeiro, lugar onde aínda tordean as paredes e unha arcada do que queda da Torre do Gorrete. Díxonos un veciño que entre esta Torre do Gorrete e O Castro había un tempos un túnel fermosísimo, duns 2,50 metros de altura, con dúas rúas, unha para ir e outra para volver. E tres pasos máis para aló, coma quen di, o taller de dous artistas mindonienses ben coñecidos; son pai e filla e chámanse Juan e Alicia Puchades.

A londra asasina

O regreso fixémolo pola banda esquerda do río. Os nosos guías dixéronnos do muíño que foi de César González-Seco, impresor, político, empresario, músico e avogado mindoniense, onde papou boas troitadas, entre outros, o seu xenro don Álvaro Cunqueiro.
E contáronnos anécdotas que sucederon por alí como a historia dun que pillou unha londra nunha nasa. O home, cando a foi recoller, non se decatou de que o animal non estaba morto, facía o morto, así que cando se viu fora da gaiola trabou no pescozo do incauto. A pelexa foi brutal; o home tivo que empregarse a fondo con ambas mans para estrangular a londra, antes de que fose o animal quen acabase con el.

Casal de Vilaverde_Arcada baixo o cabozo_Casa Licho de Vilamor (reducida)
Cunqueiro, Veremundo e O Licho de Vilamor

Tras un espléndido xantar na Casa da Penela aínda nos quedou tempo para que nos conducisen ata o lugar de Vilaverde, onde se conservan as casas onde naceron e viviron dous personaxes retratados por Cunqueiro. Unha foi de Veremundo López (avó do cineasta Victoriano López, Goya de Honor en 1990), un reloxeiro que ía e viña diariamente de Mondoñedo a Vilamor para ver como lle ían medrando o millo ou as patacas. Non moi lonxe, subindo por un rueiro atravesado por un cabozo cun curioso arco, chegamos á do Licho, un moi sonado albeite que sacaba as moas sen dor. Mágoa que non lembre agora como se chamaba o paciente que houbo que atar a un castiñeiro do souto que había por enriba da casa do sacamoas; seica era de corpo grande, e a moa ben arraigada, e, claro, se non se atase, viríase enriba do practicante.
Foi caendo a tarde e deunos pena pois cada palmo de terra ía agromando unha historia, e cada historia rezumaba un mundo, un universo de imaxinacións. Aínda habería para falar da arquitectura popular, ou dos camiños que atravesan estas terras e que tanto transitou José Ramón Villamarín, alcalde de Mondoñedo desde o 4 de marzo ao 18 de xullo de 1936, ou de Juan López Vega que naceu en Cima de Vila, único bispo de berce mindoniense que o foi de Tui e León aló polo s. XVII. Deixamos para o solpor os versos de Bernabel, o gran poeta popular de Vilamor.
Sen saír daqueles arredores pódese comer e durmir na Casa da Penela, ou na Voltiña, ou na Casa de Mañas. E de sobremesa, tamén agardan por alí as gorentosas lambetadas do Rei das Tartas.
Que máis! Ah, si, que vos recomendo que procuredes a compaña dos mellores cicerones da contorna: Xulio do Canelo e Pepe de Bastián. Unha regalía para os sentidos.

©Antonio Reigosa
Artigo publicado en El Progreso_A Mariña (xullo.2015)

Esta entrada foi publicada en Álvaro Cunqueiro, Apuntamentos, Mondoñedo e etiquetada , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.