O Tangueiro

Mentres agardamos o 7 de agosto para que dea comezo a XXIV edición do Mercado Medieval de Mondoñedo entretéñome lendo “La invención del pasado. Verdad y ficción en la historia de España” da autoría do lugués Miguel-Anxo Murado onde se defende a tese de que o pasado non é a explicación do presente senón a súa xustificación. O coñecemento que temos do pasado ten moito de imaxinario, e moi pouco, ás veces case nada, de real.
O Mercado Medieval de Mondoñedo foi pioneiro nisto de reparar no pretérito como unha oportunidade lúdica. Un Medievo que en Mondoñedo non comeza antes do s. XII cando se fixa a Sede Episcopal e se lle concede o título de cidade, e que remata cun feito cargado de simbolismo, puro mito: a decapitación de Pardo de Cela a finais do ano 1483.
Neste período tan longo tamén se debeu practicar o xogo chamado Tangueiro que formou parte dos torneos e xustas medievais como o “combate das espadas”, as “cabezas”, as “sortijas” e a “folla”, entre outros. Cando a nobreza abandonou a práctica, foi o pobo o que os imitou organizando torneos con motivo de celebracións diversas. Tangueiro estafermo quintain (reducida)
Soía practicarse a cabalo, tamén a pé, mesmo sobre cabalos de madeira e incluso en barcos, en ríos ou lagoas como no Londres do s. XII. Evolucionou coa fabricación do moneco de madeira que xiraba sobre un eixe, e que levaba na man esquerda unha adarga ou escudo, e na dereita un sabre de madeira, unhas vexigas inchadas ou un saco de area. O cabaleiro encaraba o estafermo; se atinaba coa lanza no nariz ou no medio dos ollos, este quedaba quieto, non se movía, e era o premio maior. Se, en cambio, daba coa lanza no escudo ou noutra parte do moneco, este xiraba e rara era a vez que non lle zoscase co saco ou co sabre ao cabaleiro. E era a risa dos espectadores. Suponse que todo comezou cun poste e evolucionou coa fabricación dun moneco de madeira como o Tangueiro, ou estafermo, que se custodia no Casino de Mondoñedo. Ten a figura dun soldado de época antiga pero indeterminada, con helmo, e cos brazos abertos en cruz; na dereita un escudo e na esquerda un saco de area.
En Inglaterra chámanlle Quintain, nome con orixe na palabra latina “Quintana” en referencia á quinta rúa dun campamento militar romano, que era onde adestraban os soldados. O emblema que representa á pequena vila de Offham, en Kent, Inglaterra, é a figura dun Quintain. Presumen alí (habería que contrastalo debidamente) de seren o último lugar no que se practicou este xogo e teñen exposto na rúa un artefacto que só se retirou por precaución durante a Segunda Guerra Mundial para que non servise de branco á aviación inimiga.
As referencias documentais que temos da práctica deste pasatempo Mondoñedo son dos ss. XVIII, XIX e XX. Concretamente ata 1944, que é cando, segundo investigación de Andrés García Doural, con motivo das festas dos Remedios, se correu por última vez.
Gustaríame a min que na próxima edición do Mercado Medieval de Mondoñedo, a XXV, se puidese facer unha réplica do Tangueiro que garda o Casino e que grandes e pequenos, a pé, a cabalo ou en bicicleta, fixesen xirar o Tangueiro. Por diversión, e por facerlles saber aos de Offham que xa non serían os últimos en practicar este xogo.

© Antonio Reigosa

Esta entrada foi publicada en Apuntamentos, Mondoñedo e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.