Pregón aos mercadores

Pregón Mercado Medieval Mondoñedo 2015

Por disposición da señora rexedora, e coa aquiescencia, como é de lei, da Súa Maxestade, da Meiriña e do Meiriño aquí presentes, fáisevos saber a todas e todos, naturais, achegados, comerciantes, camiñantes e forasteiros, que por vixésimo cuarto ano consecutivo quedan francas para persoas, mercadurías e animais as portas do Mercado Medieval de Mondoñedo deste ano 2015.
Vai para 900 anos que chegaron a este mesmo lugar, onde era entón a cativa Vilamaior, o bispo Nuño Afonso e os mandados do rei Afonso VII. O bispo afastábase da costa desde San Martiño de Mondoñedo, temeroso dos ataques polo mar dos normandos e os sarracenos, coa misión de establecer aquí a sede bispal e a de dar comezo ás obras desta magnífica catedral.
E aquel rei chamado Afonso VII, o “imperator” castelán de orixe galega, gran guerreador e mellor procreador, concedeunos o título de cidade polo Foro de León, autorizounos a celebrar un mercado mensual e unha feira anual de 8 días de duración, fixándoa precisamente nestes primeiros días do mes de agosto.
Arredor do camiño, da antiga brea ou bría, na encrucillada entre dous ríos como a mítica Mesopotamia, foise construíndo o actual Mondoñedo.
Desde entón e ata o final da Idade Media, Mondoñedo foise facendo burgo respectable baixo o coidado, non sempre amigable, dos xerifaltes da igrexa e da nobreza.
Foi esa situación estratéxica á beira da vereda, na encrucillada do camiño polo que xa entón pasaba xente peregrina a Compostela, o que fixo que nacese Mondoñedo neste lugar. Por moitos séculos, especialmente nos medievais, foi un señorío eclesiástico que se amurallou no s. XIV, e que un día de novembro de 1424 “de noite a primeira durmidura” ardeu case completamente. A cambio tivo o agredoce privilexio de ver marabillada en 1483 como rodaba a cabeza parlante do mariscal Pardo de Cela, logo de divorciarse do corpo pola precisión da brosa, irse dando tumbos por esta praza abaixo.
Así acababa a Idade Media en Mondoñedo, un longo período no que asentou, para ter unha continuación vigorosa nos séculos posteriores, a nosa vocación artesá, comercial e cultural. Desde os bispos trobadores dos ss. XIII e XIV ao rexurdimento educativo, musical e literario do XIX e do XX.
Convén lembrar que as palabras MERCADO, MERCADURÍA, MERCADOR e outras desta familia proceden directamente do nome de MERCURIO, o deus romano dos camiños e dos viaxeiros, protector tamén do comercio pois foi nas encrucilladas dos camiños onde se situaron, coma este de Mondoñedo, os primeiros mercados.
Non custa moito imaxinar aquel primeiro día de hai 900 anos, cando aquí mesmo, onde agora estamos, no que era como dixemos unha encrucillada na que confluían catro camiños, se dese unha situación que puido ter sido máis ou menos así.
Por un deses camiños chegaría un labrego cun saqueto de semente de centeo, e polo camiño de enfronte asomaría, así puido ser, un ferreiro cunha ferramenta recén forxada e enmangada, e entrambos acordan intercambiar o que cultivaran e fabricaran.
Sen decatarse, acababan de inventar o comercio neste punto do mundo, e diría a crónica que poderían ser felices se non fose que polo terceiro dos camiños apareceu de contado o fociño dun recadador do señor destas terras e esixiulles un 21% da semente e outro tanto do valor da ferramenta co que aquel home acababa de inaugurar a axencia tributaria mindoniense.
Mais, como podedes supoñer, polo cuarto dos camiños tiña que aparecer alguén e apareceu. Dixo ter boa man en asuntos ultraterreos así que para asegurar a felicidade eterna dos alí presentes tamén pediu unha compensación.
Pero o mercado non é só o lugar de intercambio de mercadorías; tamén é, ten que ser e debe ser o espazo onde músicos, xograres, recomptadores, saltimbanquis e demais recreadores de cultura e diversión nos fagan gozar. O mercado tamén é o espazo ideal do xogo, do encontro para compartir viandas e conversas.
Teima miña e doutros e doutras mindonienses é poder recuperar algún día para o Mercado Medieval mindoniense algún pasatempo que houbo aquí como o do Tangueiro, un moneco xiratorio que a imitación do fermoso modelo que se garda nas dependencias do Casino, volva á praza para divertirnos como nos tempos medievais.
O xogo do Tangueiro practicouse en Mondoñedo desde antigo ata mediados do s. XX. Un combate a cabalo ou a pé, onde humano e estafermo se retaban sen máis armas que a destreza de cada contendente. Xusto é dicir, e por iso, se cadra, se deixou de practicar, que as máis das veces era o moneco quen deitaba ao intrépido cabaleiro contra o chan.
Mais abonda de prédica. A festa facémola os que estamos nela.
Damas e cabaleiros, comendeiros, servos e vasalos, viláns e aldeán, bispos, cregos, frades e freiras, oleiros, zapateiros, cordeleiros, zoqueiros, cesteiros, ferreiros, labregos, mariñeiros, curandeiros, sabios e sabias, meigas e bruxos, escribáns e artesáns, varóns e femias de todo oficio, casta ou condición, vendedores ou compradores, sede benvidos a esta vella e hospitalaria cidade.
Mercade e vendede, bebede e comede, ride, bailade e cantade, todo en proporción ás vosas forzas e respectando no posible a legalidade vixente.
Non vos portedes mal porque Cunqueiro, coa vista aparentemente ausente, perdida a mirada no Bosque de Silva, está tomando nota para facervos un retrato acaído. San Rosendo, que nos observa desde o cumio da catedral, fai o reconto estatístico dos que por aquí andamos, pero, sobre todo, recordade que o deus Mercurio tamén tiña a misión de conducir as ánimas dos condenados para o inferno; claro que tamén protexía aos ladróns que de feira en feira, de mercado en mercado, ían e viñan polos camiños do mundo.
En Mondoñedo o tempo ten outra medida. Non teñades presa por gastar os días nin as horas. Mondoñedo é un estado de ánimo, una estación de tránsito rumbo á felicidade.
Ata mañá á noitiña, rendemos homenaxe ás nosas orixes e o ano que vén, o 2016, este Mercado Medieval de Mondoñedo celebrará os seus primeros 25 anos.
Hoxe e mañá, e de aquí ao ano que vén, que a saúde e a alegría nos acompañen!

© Antonio Reigosa
Mondoñedo, 8 de agosto de 2015

Esta entrada foi publicada en Apuntamentos, Mondoñedo, Pregón. Garda a ligazón permanente.