Eiquí xaz alguén …

O necroturismo comeza a estar de moda en Galicia. Cada ano son máis os camposantos que se ofrecen como lugares de visita, de día ou de noite, coa celebración dos defuntos ou noutras datas. Convídannos a coñecer a súa arquitectura e historia, e, sobre todo, a dos personaxes que moran neles. Un cemiterio é a radiografía máis transparente, a mellor crónica dunha parroquia, vila ou cidade, a través de cada un dos individuos que alí moran. A organización espacial e a aparencia monumental dinnos do status e clases sociais, a simboloxía, de crenzas, ritos, gustos artísticos e mesmo literarios a través dos lapidarios e epitafios. Soe estar visible tamén a capacidade creativa dos artistas locais, a acordanza ou desmemoria arredor de determinados personaxes … Un cemiterio, en fin, é o escenario onde se representa o noso afán de transcendencia tanto colectiva como individual.
A Association of Significant Cemeteries in Europa (ASCE) promove unha rede europea de camposantos singulares que forman parte dun Itinerario Cultural Europeo integrado por case duascentas necrópoles, vinte e catro españolas e, polo de agora, só catro galegas: San Amaro na Coruña, o Cemiterio dos Ingleses en Camariñas, o de San Froilán en Lugo e o de Santa Mariña de Cambados.
O Cemiterio Vello de Mondoñedo, como outros moitos galegos, podería aspirar a formar parte dese catálogo de museos da morte e dos mortos porque reúne valores de carácter histórico, estético e arquitectónico que non desmerecen os de moitos dos escollidos. Conserva a estrutura organizativa decimonónica que representa con fidelidade a estratificación social do Mondoñedo do XIX e do XX. Unha parte baixa, onde se soterraban os máis humildes; unha parte superior perfectamente organizada con nichos, tumbas, capelas e mausoleos ornamentados, moitos deles de gran valor arquitectónico e artístico onde se sepultaban os de clase podente, e un terceiro espazo marxinal, ou civil, para os sen bautizar (os anxiños) e para os non crentes e suicidas. Ademais conta con arboredo e, como é sabido, xa non se usa como lugar de enterramento desde o ano 1985. cvello
Quedan nel as tumbas cos restos e a memoria de ilustres persoeiros mindonienses como E. Lence-Santar, Pascual Veiga, Álvaro Cunqueiro, M. Ledo “O Pallarego” ou M. Leiras Pulpeiro. E xunto destes, outros moitos nomes de homes e mulleres de relevancia na vida local que nos permiten facer a crónica social, política, económica e cultural do Mondoñedo de entre dous séculos. Ademais, o visitante curioso atopará apelidos sorprendentes, a memoria da barbarie incivil, de crimes, vítimas e verdugos, amores e desamores, que de case todo hai na biografía dun camposanto.
Este roteiro poderíase completar visitando os lugares de enterramento existentes na catedral, onde bispos e xente da igrexa, xunto ao mesmísimo Pardo de Cela, agardan; ou chegar ata o Santuario dos Remedios, onde repousa Sarmiento, o bispo construtor, e outros disimulados so as lastras do adro.
Pero agora mesmo o máis urxente é atender a súa conservación pois o tempo, aínda que non pareza ter importancia este detalle nos camposantos, ten o vicio de estragar o que se descoida.

©Antonio Reigosa
Artigo publicado en La Voz de Galicia_A Mariña (13.07.2015)

Esta entrada foi publicada en Mondoñedo e etiquetada . Garda a ligazón permanente.