Os Camiños

A catedral de Mondoñedo. Fotog. de Ester Otero
A catedral (Fotog. de Ester Otero)

En Cunqueiro e Galeano, por citar só dous dos meus santos literarios, está a biblia da miña devoción polos camiños. Di, ou insinúa, Cunqueiro que os camiños son seres vivos que nacen, crecen, ramifícanse e tamén morren. Os camiños, mentres están vivos, son a nosa pegada, a marca da nosa incesante peregrinaxe cara o alén. Se falasen (ao seu xeito fano) os camiños dirían mellor ca ningún filósofo de onde vimos, quen somos e a onde queremos ir.
Está moi ben que a UNESCO repare nos camiños de noso porque neles está reflectido todo o noso pasado, que é antigo e rico, camiños que traen historias doutras xentes e doutras terras, camiños que levan as nosas moito máis lonxe que calquera vendaval.
Congratulémonos de que a UNESCO bendiga co seu recoñecemento os Camiños do Norte que se dirixen a Compostela, o da Costa e o Primitivo que se suman ao Francés, e de paso os edificios singulares asociados como a catedral de Mondoñedo ou a de Lugo. Dezasete concellos lucenses e oito coruñeses que se engaden ao selecto grupo da listaxe do Patrimonio Mundial e que deben ser desde xa un só pulso, un latexo unísono guiado pola arteria que lles dá vida.
Que é —preguntabase Galeano— unha persoa no camiño? Tempo!

©Antonio Reigosa
Artigo publicado en La Voz de Galicia_ A Mariña, o 7 de xullo de 2015

Esta entrada foi publicada en Mondoñedo. Garda a ligazón permanente.