Os Muíños, esencia artesá

O barrio dos Muíños seduce desde o primeiro golpe de vista. É un microcosmos de Mondoñedo, o reduto ideal para recompoñer o ánimo, para pasear e gozar da súa estética cativadora. Mesmo a toponomia pon música: Ponte do Pasatempo ou de Ruzos, Fonte dos Pelamios, Rúa das Moscas.
O barrio dos Muíños ten unha longa historia. O nome xa indica cal foi a principal ocupación da veciñanza desde sempre. A abundancia de auga propiciabao. A principios do século XX arrendábase un muíño fariñeiro con tres pedras, bo salto de auga, a propósito, dicía o reclamo, para instalar algunha industria que precisase motor de auga.cartazmuiños
Por alí pasa un camiño principal que en orixe foi calzada romana, e que cando cruza por enriba do río Valiñadares sobre a Ponte do Pasatempo, descansa e párase a contar historias coma a que lle custou vida a Pardo de Cela. O Valiñadares, como o mítico río de Xerxes, descomponse en dúas canles que atravesan o barrio para dar vida a muíños, hortas, lavadoiros, casas e, sobre todo, a moitos obradoiros que ao longo da historia foron e aínda son, afortunadamente. Un río atento ás necesidades das persoas, case sempre mudo, agás nalgunha que outra invernía que se desmadrou, que de todo houbo en tantos anos de historia. O barrio de Triana (denominación popular nas décadas 20 e 30 do pasado século) ou a Venecia mindoniense, que se dixo, e aínda repiten, os cronistas.
Nos Muíños naceron ou viviron, entre outros moitos, o músico e militar J. A. Lodeiro Piñeiroa, o barbeiro e músico M. Ledo Bermúdez “O Pallarego”, o poeta e xornalista X. Díaz Jácome, o prateiro e reloxeiro J. Ínsua Pedrosa, o fotógragfo e pintor Santiago Pernas. Polo barrio dos Muíños pasaba cada día A. Cunqueiro para lerlle o xornal a Vendabal, a cambio de que este míti cazoleiro trátase de ensinarlle ao poeta, inultimente, os fundamentos da arxila. Pepe de Treta, Tito de Freire, Patrulla … son nomes de prestixio na memoria deste oficio.
O barrio dos Muíños conserva aínda habilidosas mans para case todos os oficios: oleiros como Chus Lage (nos mellores tempos as olarías chegaron a ocupar moitas casas do Couto de Outeiro), zoqueiros como Alberto Geada, titiriteiros como Ton Arenas, muiñeiros como Edelmiro Expósito, serigrafistas como A Xente das Cores-Julieta Vargas, pregoeiros sabios como X. Ruíz Leivas, hostaleiros como O Valeco, forxadores, músicos, panadeiros, poetas e artistas que aínda crean atesanalmente.
Pódese afirmar que ao barrio dos Muíños de Mondoñedo non lle falta de nada, pois ata ten unha praia que lle debuxou moi fermosa e soleada Mauro Leivas para o cartaz que pregoa a Feiramostra que se vai celebrar alí o sábado 11 de xullo.
Son moitos os colectivos implicados na organización desta VIII Xornada de “Abrindo Camiño” na que van participar case medio cento de artesáns, a maioría mindonienses e mariñáns. Produtos da horta e das mans, o quefacer manual herdado que pulsa por revivir onde sempre foi arte. Novos e vellos oficios que van ocupar a praza e as rúas do barrio como nos vellos tempos, cando as festas de Santiago competían coas mesmas feiras das San Lucas. As portas francas e o río e as canles impolutas. Que máis se pode desexar para un día mindoniense de verán!

©Antonio Reigosa

Esta entrada foi publicada en Apuntamentos, Mondoñedo e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.