José Mª Rodríguez González: O pintor desaparecido

A biografía do artista mindoniense José Mª Rodríguez González esfúmase entre brétemas de misterio e incerteza.

José Mª Rodríguez González naceu en Mondoñedo o 7 de decembro de 1895. En 1919 comeza a traballar en Viveiro e logo, ao casar con Isabel Vázquez en 1923, pasa a residir no Castañal, na parroquia viveirense de Valcarría. En 1926 decide viaxar aos USA e alí pérdeselle a pista en 1932. Deixaba un fillo de dous anos e outro, que sería nena, en camiño.
Nun artigo publicado recentemente no xornal La Voz de Galicia, edición A Mariña (12.04.2015) o cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo, botaba de menos algunha obra deste artista entre as seleccionadas para participar na exposición “Orixes Creativas. Artistas pensionados pola Deputación de Lugo 1889 – 1960” que estivo aberta ao público no Museo Provincial entre o 19 de febreiro e o 12 de abril deste mesmo ano. Como consecuencia, o mesmo articulista sostiña con razón que o primeiro artista mindoniense pensionado pola Deputación de Lugo fora José Rodríguez e non Graciano Fraga Veiga, como afirmou quen asina nun artigo anterior neste mesmo xornal (23.03.2015).

Pensionado pola Deputación en 1914

É certo que José Mª Rodríguez González (José María González, José ou Pepe Rodríguez, ou tan só José María, nomes cos que o atopamos referenciado na prensa da época) debera figurar na listaxe dos pensionados pola Deputación, pois foino en 1914; outra cousa ben diferente resultou identificar entre os fondos provinciais algunha obra da súa autoría que amosar nesa exposición. Foi pensionado pola Deputación e, obviamente, foi o primeiro mindoniense en selo, moito antes de que o fose en 1933 Graciano Fraga. Convén precisar tamén, iso si, que o título do artigo de C. Nuevo, “O mindoniense José Rodríguez, primeiro bolseiro da Deputación”, non é atinado pois tal honra correspondeulle 25 anos antes a Manuel Salgado López.
Por razóns que descoñecemos, no arquivo da Deputación non se conserva, como sucede no resto dos casos, o expediente da pensión deste artista. Tampouco figura o seu nome nas atribucións de obras artísticas propiedade da institución provincial, o que non significa que non as haxa. O futuro, estamos seguros, traeranos novas de interese sobre este personaxe e sobre a súa obra, como é o caso do cadro que ilustra este artigo e que logo comentaremos.

De Mondoñedo aos USA, pasando por Viveiro

Para unha cronobiografía de urxencia seguimos a información facilitada por C. Nuevo no artigo citado, a prensa da época que nos foi posible consultar e a obra “Pintura y pintores de Vivero” (1992) de Fausto Galdo. Logo de aprobar o ingreso na Escola Especial de Pintura, Escultura e Gravado, de Madrid, a Deputación de Lugo en sesión plenaria do 14 de novembro de 1914 concédelle unha pensión de 1500 pesetas por ano, por un período de tres, coa obriga de presentar unha obra pictórica en cada curso con certificación en forma de ter asistido a un centro de formación do Estado ou dun dos pintores de fama de Madrid. Esta pensión amplíase por un ano máis en decembro de 1917. Neste mesmo ano e mes inaugúrase no salón de bailes do Casino de Mondoñedo unha exposición na que participan o “pintor notable” Pepe Rodríguez e o “caricaturista consumado” Marcelo Regueiro, mozo lucense entón destinado como brigada na Reserva de Mondoñedo. Rodríguez expón títulos como “Tipos del país”, “Enguedelleime”, “Esperando la limosna”, “Estudio” ou “Retrato del Sr. Pérez-Fontán”.
Na primavera de 1918 participa con 10 cadros na exposición organizada polo Orfeón Gallego en Lugo. En El Norte de Galicia do 31 d emaio deste ano eloxian moito a obra de Rodríguez, dicindo que ten gusto exquisito, facilidade pasmosa para a execución e dominio completo do colorido. Pouco despois, en agosto, o director do Orfeón Gallego e de El Progreso, Antonio de Cora, nunha crónica que fai dunha visita a Mondoñedo conta que atopa ao artista José María na Alameda dos Remedios e defíneo como “aquel abohemiado pintor de nuestro ensayo de exposición en el Orfeón Gallego”.
En 1919 trasládase a Viveiro, onde vai protagonizar algunha exposición e desenvolver un meritorio traballo. Primeiro como muralista decorando a igrexa de Santa María de Chavín, logo a de Santa María de Ourol e a embocadura do Teatro Moderno, e pintando moitos retratos e paisaxes.
En 1926 marcha aos USA, para visitar a Sesqui-Centennial Internationatal Exposition de Filadelfia, unha portentosa exposición conmemorativa do 150 aniversario da independencia americana. Naqueles anos únese en sociedade ao arquitecto J. Woyte e dedícase a decorar igrexas en América e Canadá, incluso parece que chegou a traballar en Hollywod facendo decorados, ata que a familia perde o contacto en 1932 cando andaba por Greensburg, no estado de Indiana.
O fillo de dous anos que deixaba en Viveiro, Ángel Rodríguez Vázquez, foi co tempo director técnico da fábrica Barro-Chavín, profesor da Escola de Mestría de Viveiro e deputado autonómico por UCD en representación da provincia de Lugo entre 1981 e 1985.

Neno collendo froita
neno_blog

Deducimos que debeu entregar obra na Deputación, como se requería nas condicións da concesión da pensión, ao remate de cada un dos cursos polo que aparece reflectido na prensa da época. En xullo de 1915 en “La Voz de Mondoñedo” dise que na Deputación de Lugo se amosa un cadro del. Na acta da sesión provincial do 22 de outubro de 1917 dáse conta dunha instancia do pintor devindicando o pago da pensión correspondente ao curso 1916-1917, facendo constar que presenta un cadro. En El Progreso do 24 de outubro seguinte infórmase sobre este asunto e dise que “el cuadro está situado en el salón blanco, frente a la puerta de entrada. Representa un niño cogiendo fruta de un árbol”.
Afortunados fomos ao contar coa, aínda que breve, descrición dunha das obras e coa memoria visual da técnico do MPLugo, María Quiroga para convencernos de que este cadro que reproducimos (está entre os fondos de reserva do MPLugo) é o sinalado polo xornal.
A obra e a biografía do pintor José Mª Rodríguez terán que ir saíndo á luz aos poucos, tal a recuperación da visión do astro tras a eclipse.

©Antonio Reigosa

Este artigo foi publicado en La Voz de Galicia-A Mariña o 29 de xuño de 2015.

Esta entrada foi publicada en Artistas, Mondoñedo, Museos e etiquetada . Garda a ligazón permanente.