Cando Murguía cabreou aos mindonienses

Hai xa cen anos, a principios de 1915, houbo en Mondoñedo un enfado considerable co fundador e entón presidente da Real Academia Galega, Manuel Murguía. A orixe do conflito estaba nun artigo asinado polo prócer no Almanaque Gallego para 1915, editado en Bos Aires por Manuel Castro López, onde poñía en cuestión a autoría d’A Alborada, chamada de Veiga, “sin que haya para ello el menor motivo”. Nas notas engade que non quere ofender a memoria de Veiga, falecido en 1906, pero que “ni el lo dijo ni fue autor de La Alborada”.
almanaque gallego 1915
A reacción da prensa mindoniense, especialmente do semanario El Cruzado foi inmediata e contundente, e iso que “por tratarse de quien se trata modera el vigor del enojo en nuestra pluma” aínda que “nos hace más dolorosa y menos comprensible tal afirmación”.
ADESAM. (Antonio Maseda), que é quen asina a queixa, fai ver o erro en que incorre Murguía coa data de nacemento de Veiga. Recoñécese, iso si, a inspiración no popular de Veiga e compárano coa influencia do tradicional que pode haber na Ilíada, na Odisea ou no Cantar del Mío Cid, para rematar pondo o ollo onde máis lle podería doer a Murguía cando afirman que coa súa actitude estaba calumniando á súa esposa. “Se negaría a Rosalía el mérito de identificarse con nuestras alegrías y tristezas, se diría que ella no era la autora de esos gemidos…” “porque esos gemidos antes que Rosalía en sus versos los había glosado el pueblo en su alma”. Para, en resumo, acabar solicitando do señor Murguía que probe o que di ou que rectifique como un cabaleiro.
A polémica morreu en seguidiña. Murguía, seguramente, só tentaba demostrar que a música das alboradas era de raigaña popular e que a súa propia esposa, Rosalía de Castro, escribira a letra da súa, como así debeu ser, acomodándoa ao son instrumental dalgún gaiteiro. Mais, mentres Rosalía escribe para “que saíse en todo arreglada á música”, Pascual Veiga compón en 1879 sobre a letra do poema “A estrela coruñesa” de Francisco Mª de la Iglesia. A obra co mesmo título do poema foi estreada en 1880 baixo a dirección de Veiga polo Orfeón Brigantino nos Xogos Florais de Pontevedra.
En 1889 e xa co título de “Alborada Gallega” foi interpretada en París polo Orfeón Coruñés, dirixido tamén por Veiga, no marco da Exposición Internacional, sendo premiada a peza e máis os intérpretes.
É probable que en 1914 Murguía xa non lembrase a actuación que o 14 de marzo de 1891 tivo diante da súa casa a Rondalla Regionalista, na que era a súa primeira saída polas rúas de Compostela, “interpretando magníficas producciones de conocidos maestros gallegos y entre ellas la hermosa Alborada de Veiga”. Compoñían a rondalla 19 estudantes universitarios que actuaron diante de diversos locais de prensa e sociedades de recreo, e diante da casa de Brañas. Murguía, por certo, obsequiounos con pasteis, licores e cigarros.
Segundo os especialistas, a “Alborada de Veiga” ten innovacións e estrutura ben máis complexas que as alboradas tradicionais pero aínda así formou e forma parte do repertorio dos grandes gaiteiros de finais do s. XIX e de todo o XX. E así será con certeza, a pesar do parecer de Murguía, por varios centos de anos máis.

©Antonio Reigosa
Artigo publicado en “El Progreso_A Mariña” o 3 de xuño de 2015

Esta entrada foi publicada en Apuntamentos, Mondoñedo e etiquetada , , , , , . Garda a ligazón permanente.