Unha visión do Máis Alá desde O Fiouco

néboa fiouco

Se F. Filgueira Valverde tivese ocasión de revisar a súa tese doutoral titulada “La Cantiga CIII: noción del tiempo y gozo eterno en la narrativa medieval” veríase na obriga de engadir un novo caso. Un suceso marabilloso tan sorprendente en todos os sentidos como aquelas fantasías de antano guiadas polo apetito de inmortalidade. Lembramos que na Cantiga CIII de Afonso X nárrase a visión que tivo santo Ero de Armenteira cando o coitado, crendo estar un breve instante atendendo o piar dun paxariño, botou trescentos anos escoitando música celestial no Paraíso. De experiencias semellantes a esta presumen tamén santo Amaro, san Brandán ou o monxe Trecenzonio pois está probado que o tempo que mide o devir do mundo mortal non ten correlación no reloxo que conta as horas da eternidade.
O prodixio que vou relatar non me sucedeu a min, xa me gustaría, nin sequera ao amigo que ma contou; o protagonista verdadeiro foi un medio irmán dun amigo deste amigo de meu, a quen, polo de agora, non estou autorizado a nomear.
E o conto é que hai un tempo este parente do amigo do meu amigo ía no seu coche subindo o costeiro que ten a A8 desde A Xesta ata o Alto do Fiouco. Como é costume alí, a néboa botouse enriba del sen avisar e de repente, sen tempo a frear nin a que os encargados de controlar o paso pola autovía puidesen reaccionar, o coche deste home veuse envolto nunha borraxeira húmida e branca, impoluta como funda de anxo.
Insospeitadamente non se asustou pois a música que poñían na radio do seu vehículo naquela hora non parecía ser deste mundo. E non só iso. Diante dos seus ollos, como nunha pantalla panorámica de 360 graos, a mesta néboa desapareceu para que puidese contemplar toda a Terra Chá e as ondas do Mar Cantábrico, desde Luarca ata perdérselle a vista contra os cons de Ortegal. Tampouco se alterou cando comprobou que o seu coche con el dentro levitaba uns metros por riba da autovía e do mundo, nin cando viu como as vacas deixaban de pacer e miraban fixamente cara el.
Non desexo retardar en exceso o final deste relato pero creo oportuno aclarar que o parente do amigo do meu amigo dixo ser plenamente consciente de que as vacas teñen unha visión panorámica de gran angular, chegando a controlar dun golpe de vista 300 graos derredor, aínda que só conseguen a visión en 3D cando miran fixamente ao obxectivo, e que pensou: mirarán para min ou, tendo en conta as poucas ocasións que teñen alí as vacas de desenvolver toda a súa capacidade visual, gozarán desta emoción paradisíaca?
Mais como toda historia ten o seu fin, o protagonista desta percibiu como o seu vehículo abandonaba o estado de levitación e ía pousando a modo, entre a eterna brétema, sobre o asfalto da autovía. Nada máis pousar uns robots con grúa fixéronse cargo do coche e del, que seguía dentro, para, sen mediar palabra, desprazalos a ambos ata un lugar onde a visibilidade melloraba lixeiramente. Un daqueles autómatas saudouno militarmente antes de entregarlle un papel onde se lle comunicaba unha multa por acceder sen permiso a unha vía en veda. A data da denuncia,asinada por un representante do Ministerio de Fomento do Goberno de España, confirmaba o milagre: primavera do ano 2.315.

©Antonio Reigosa
Artigo publicado en El Progreso, 13 de abril de 2015.

Esta entrada foi publicada en Apuntamentos, Autovía do Cantábrico (A8), Mondoñedo e etiquetada , , , , . Garda a ligazón permanente.