Airiños de Mondoñedo

Antonio Reigosa
Ou a historia de como os versos de Rosalía de Castro viaxaron no fardel da memoria de Dolores Iglesias desde Mondoñedo ata Arxentina nas primeiras décadas do século XX.

Seguímoslle o rastro a un anuncio que publicaba no seu perfil de facebook o amigo e incansable pescudador de historias mindonienses, Cidre Fernández. Do cartel chaman a atención dous detalles: que a foto de fondo reproduce a fachada da catedral de Mondoñedo e que o texto anuncia os lugares onde se pode mercar en Bos Aires unha novela da autoría de Manuel Vázquez que leva por título “Lola, del Coto de Otero”. A foto e a mención ao lugar do Couto, ou Couto de Otero, que é o nome dun barrio próximo á cidade onde en tempos houbo unha próspera industria de olaría e onde aínda se ergue oufano o Pazo de San Isidro, conducen, inevitablemente, a Mondoñedo.
Grazas a internet descubrimos que a novela foi presentada publicamente o pasado 12 de decembro de 2014 en Pilar, unha núcleo urbano a uns cincuenta quilómetros ao norte da cidade de Bos Aires.
O texto promocional da editora non especula: “ Hija ilegítima de un caballero de fortuna, Lolita vivió junto a su madre una niñez y juventud en que la discriminación social la marcó para siempre en aquel Mondoñedo prejuicioso y pueblerino de principios del siglo XX”. E máis adiante “ … pero ella llegó sola, con el recuerdo de sus bosques poblados de magia y con los versos de Rosalía de Castro sonando en sus oídos junto al dulce lamento de las gaitas”.
Na portada do libro aparece a moza Dolores, de pé e apoiándose nun lateral dun sofá, posando para a ocasión nunha foto de estudo típica da época. Na contracapa outra foto, esta de Dolores coa súa nai Josefa, noutro posado que semella ser do mesmo estudo e probablemente na mesma data que a anterior.

Manuel Vázquez

Urxía pórse en contacto co autor da novela e así o fixemos. Manuel Vázquez é o máis vello dos catro netos de Lola e o que máis conviviu coa avoa. É profesor de literatura e escritor. Ademais desta novela, a primeira que publica, asina dous tomos baixo o título “Mitos y leyendas de Pilar” que terán, conxuntamente coa novela, presentación especial na Feira do Libro de Bos Aires do vindeiro abril.
O intercambio de información con Manuel Vázquez foi fluído, sempre atento a responder o que sabe, que non é todo. Facilitounos toda a documentación da que dispón (partida de nacemento, pasaporte, permisos e copia dos certificados pertinentes para emigrar), e mesmo nos informou de como tiveron que agardar a que morrese a avoa para descubrir, por exemplo, que era filla de nai solteira.
Por testemuño oral dalgúns familiares do marido de Lola e avó de Manuel deducen que o pai ben puidera ser algún mozo de familia acomodada que ignorou á nai e tamén á filla.

Lola Iglesias

Por Manuel e polos documentos que nos amosa sabemos que Lola, Dolores Iglesias Fernández, naceu nos Samordás, en Galgao, parroquia do concello de Abadín, o 30 de novembro de 1.889, onde foi bautizada o día 1 de decembro. Era a única filla e de pai descoñecido de Josefa Iglesias Fernández, muller natural da parroquia de Romariz do mesmo concello e veciña xa entón da parroquia do Carme en Mondoñedo. Non se sabe cando comezaron a vivir nai e filla no Couto de Otero, é probable que tamén vivisen no barrio dos Muíños onde Lola, segundo Manuel, deixou amigos. Pola razón que fose, e que os netos descoñecen, en 1922, cando contaba 32 anos, Lola preparou os papeis e decidiu marchar para Bos Aires.

Portada do libro_Lola, del Coto de Otero

Cruzou o Atlántico soa. A carta de identidade di que é solteira, que non constan antecedentes, que ten os ollos castaños, e que está sa sen imperfeccións destacables. O consignatario da Compañía The Royal Mail Steam Packet Company na Coruña autoriza o embarque para o día 24 de setembro de 1922 con destino a Bos Aires. Uns días antes, o alcalde accidental de Mondoñedo, Antonio Pardeiro, expide un documento onde asegura que Lola nin se dedicou á mendicidade, nin atentou contra a orde pública, que se dedicou só aos seus labores e que posúe ideas sans. Outros documentos necesarios para poder emigrar aseguran que non cometeu delitos e que é apta para o traballo.
En Bos Aires viviu un tempo na casa dun paisano de Mondoñedo chamado Luis Basanta. Casou con Manuel Vázquez, un asturiano de Mieres que era labrador, e tiveron un único fillo que morreu hai uns 25 anos. Dolores e Manuel mercaron unha propiedade e dedicáronse a cultivar e vender o que producían.
Manuel non chegou a coñecer o avó asturiano que, segundo conta, morreu por un “ataque de presión” (hipertensión). Lola, xa viúva, vendeu a chacra (finca) e a partir dese momento sostívose coas rendas obtidas dunhas vivendas que tiña alugadas. E tamén dos tecidos que fabricaba ao ganchillo e facendo encaixes de bolillo. Lola morreu con 84 anos recén cumpridos na cidade de Zárate, onde residía, o 17 de decembro de 1973.

Memoria de Mondoñedo

Manuel Vázquez viaxou a Mondoñedo o pasado maio de 2014 xunto cun irmán e as súas respectivas esposas. Foi entón cando puido contrastar o que lle contara a avoa daquel Mondoñedo dos primeiros anos do século XX e do que nunca saíra ata que pegou o chimpo transoceánico. As canles dos Muíños, a catedral, a igrexa da parroquia do Carme e o seu camposanto, onde está enterrada Josefa, a nai de Lola …
Manuel dinos que en Mondoñedo, “fermosa cidade”, foi moi ben atendido por todas as persoas coas que procurou información e asegúranos que Dolores Iglesias era posuidora dunha educación excelente, incluso sorprendente para a época. Dinos que lía moito desde pequena, e que o fixera toda a vida, que coñecía e cantaba fragmentos de zarzuela, o que lles fai supoñer que acudía a espectáculos e función teatrais, probablemente en ambas beiras.
O neto Manuel intúe que se Lola puidese ler este artigo diría unha frase que lles soía repetir: Xa andaches falando de min, lambón!

Lola e os versos de Rosalía de Castro

Manuel Vázquez non resolve, non pode facelo, moito máis dos numerosos enigmas da biografía da súa avoa. Na súa novela “Lola, del Coto de Otero” completa coa ficción o que non puido documentar, o que seguramente cómpre a unha vida, unha de tantas, que precisaba resetear (borrar da memoria), experiencias amargas.
En calquera caso, e curiosamente, a avoa Lola “nunca quiso que aprendiéramos a hablar gallego, aunque sí me enseñó, siendo niños, a recitar de memoria algunos poemas de Rosalía de Castro”. “La abuela lo canturreaba incluso. Aún me parece recordar la melodía. ¡Y de esto hace más de cincuenta años!”
Airiños, airiños, aires / Airiños da miña terra / Airiños, airiños, aires / Airiños levaime a ela!
Non permitás que aquí morra / airiños da miña terra / que inda penso que de morta / hei de sospirar por ela
.
Suspiros rosalianos que un día de setembro de 1922 viaxaron de Mondoñedo a Bos Aires e que agora regresan pola maxia da palabra feita novela.
Aínda non puiden ler a novela de Manuel Vázquez. Fareino o antes que me sexa posible pois sei que en Mondoñedo hai un exemplar e tamén sei quen o ten. A novela na que o seu neto, Manuel Vázquez, nos fai herdeiros perpetuos da memoria imperecedoira da súa avoa, Dolores Iglesias Fernández “Lola, del Coto de Otero”.

Artigo publicado en La Voz de Galicia (17/02/2015)

Esta entrada foi publicada en Apuntamentos, Mondoñedo e etiquetada , , , , , , , , . Garda a ligazón permanente.