Con Sinbad en Mondoñedo

Antonio Reigosa

Este xoves, 26 de febreiro, soará solemne a fanfarra para recibirmos a Sinbad, o vello mariño que arribará coas súas historias no porto da fantasía mindoniense. Celebramos a quen o creou, ao tamén vello e sabio Álvaro Cunqueiro quen, nun día coma este (un 28 de febreiro de hai 34 anos), decidiu migrar a esoutra patria que a todos nos agarda. Coincidindo con este cabodano, como vén sendo costume desde 2001, autoridades e veciños ofrendaremos ao escritor e a unha das súas criaturas.
Este ano transmutarémonos en peixe-papagaio, e de cada vexiga que larguemos á deriva do aire mindoniense nacerá unha sílaba, e con todas estas sílabas ben compostas reescribiremos a historia que vén tan ben contada en “Si o vello Sinbad volvese ás illas!”
Sinbad, o mariñeiro que navega por soños e memorias, o personaxe que lle inspira a Cunqueiro esta fermosa obra literaria, chega á Europa do s. XVIII entre as historias de “A mil e unha noites” que traduce desde o árabe ao francés Jean Antoine Galland. Non hai certeza sobre as orixes deste personaxe protagonista dun total de sete aventuras, todas moi arriscadas e perigosas, quen xa retirado lle conta a outro Sinbad, este un mozo desherdado do mundo, os detalles das súas singraduras.
O Sinbad de Cunqueiro aliméntase física e intelectualmente de lembranzas, fantasías e aparencias. É un personaxe do ocaso pero, máis ca un antiheroe, resulta atractivo como heroe atrapado polas inexorables limitacións biolóxicas dos humanos.
A novela de Cunqueiro é un monumento á imaxinación. Páxina a páxina, parágrafo a parágrafo, destila pingas dunha inventiva fóra do común. Nada, ningún elemento nin criatura, por moi exótica que nos poida parecer, desafina nesta melodía marabillosa. Lendo o libro de Cunqueiro podemos viaxar polas illas Cotovías que imitan cascas de laranxa, polo País de Bolanda, co seu río Iadid, por Trapobana e Moara, e por tantas outras xeografías onde son limoeiros voadores, cans con dous rabos, paxaros-escoita, peixes-papagaio …
Sinbad resulta tan tenro que nos provoca compaixón cando ensoña un amor serodio coa viúva Alba, ou cando nos longos faladoiros do entre lusco e fusco pretende sen conseguilo ser o campión dos mares coñecidos. Ou, aínda, cando nomea ao cego Abdalá como vixía da nao coa que devece por regresar ás travesías mariñas. Sari, o seu fiel amigo, é a almofada onde navegan os seus soños.
Sempre crin que a Moara que se retrata no libro de Cunqueiro ben podería ser imitación da cidade de Brea (orixe mítica do actual Mondoñedo) que se defuntou por asolagamento onde agora está a Cova do Rei Cintolo. Cidade-torre no medio da lagoa que enchoupou as casas terreas. Cidade sen rúas que medra por escadas cara o ceo. Cidade que sobrevive mantendo a raia a auga da lagoa pois a que beben os residentes é a que lle rouban cada día en caldeiros con roldanas.
Deixou escrito Cunqueiro “se pasas a tardiña a sete legoas de Moara, escoitas que ven daquela banda o ronxo que fan as mil roldanas dos moareses rubindo a i-auga”. Disque lendo o Sinbad do sabio Cunqueiro tamén se escoita o ronxo que fai o latexar dos e das mindonienses.

Esta entrada foi publicada en Apuntamentos, Mondoñedo e etiquetada , , . Garda a ligazón permanente.