Adeus, Mondoñedo alegre

Antonio Reigosa

Nestes días choqueiros, mentres gozamos da algarabía antroideira, tamén é bo momento para lembrar unha “acusación” que se recitaba por estas datas no Mondoñedo de mediados do século XIX. O documento descubriuno en 1994 no Archivo Histórico Nacional de Madrid o antropólogo Clodio González Pérez. Publicouno en 2010, no nº 5 de Adra, a revista das socias e socios do Museo do Pobo Galego, co título “Unha acusación ou testamento de entroido de Mondoñedo de mediados do século XIX”. Está accesible para quen desexe consultalo a través de internet.
Trátase dun longo texto en castelán de case 600 versos que comparte un volume con outros manuscritos referidos a Galicia procedentes de mosteiros desamortizados, concretamente do bieito de San Martiño Pinario de Compostela e o dos franciscanos descalzos de Alcántara de Mondoñedo. Cre o descubridor, por razóns que explica no artigo, que o documento se pode datar entre 1857 e 1858.
O primeiro que chama a atención é o título: Acusación al Antroido. E o segundo, a antigüidade pois non hai textos deste tipo (testamentos, farsas, repartos, sermóns …) referidos ao Antroido máis antigos nin en Galicia, nin na península. A terceira nota singular é o número de personaxes que interveñen na representación; nada menos ca 10 (fiscal, defensor, acusante, xuíz, escribán, catro militares do pelotón de fusilamento e un tamborileiro), sen contar o monifate que fai de Antroido.
Na primeira parte desenvólvese o xuízo que remata con sentenza condenatoria, e na segunda dáse lectura ao testamento. Do diálogo entre o fiscal, acusante, defensor, escribán e xuíz dedúcense as características tanto físicas (xigantesco, feo, “brazos sin hueso” e “sucios adornos”) como o talante do monicreque que fai de Antroido ao que se refiren, agás no título, sempre como Carnaval. Tamén se explicita que a función se representa o Martes de Antroido. Os delitos que se lle apoñen son os excesos propios das datas, ou sexa moita comida e aínda máis bebida, fumar e moita diversión. “Morcillas y papadas”, xamón, costelas, cabrito, perdiz, chourizos, longaínzas, licores, bo viño, café e copas. Excesos, que ao dicir do escribán, son os causantes das sete semanas de privacións que comezan ao día seguinte coa Coresma.
A sentenza é inapelable: “a la voz que digan fuego / su cuerpo quede tirado”. Máis antes de executalo ordena o xuíz que o condenado faga testamento. O defensor pide clemencia pero nada consigue. O testamento contén unha alegación con advertencias sobre o cambio que vai supoñer o xaxún coresmal; a escaseza de comida e diversión.
No reparto deixa a un tan don José del Pico que poida “echarse vino con garbo”, ao defensor que “coma carne y pescado” na Coresma, ao acusador “doscientos palos”, ao escribán “cuatrocientos latigazos”, ao xuíz “que quede tuerto y baldado” e aos concurrentes “buenos bocados”.
Fórmase unha comitiva que conduce ao reo, e con el a todos os actores e público presente, a un escenario diferente a onde se celebrou a vista. Na cabeceira preside o tamborileiro, escoltado polos catro militares que o van fusilar. Onde? Se cadra, como supón Clodio González, no Campo dos Remedios.
Os últimos versos son de despedida. Adiós Mondoñedo alegre / adiós apreciable pueblo / adiós os digo a todos / hasta el año venidero.

(artigo publicado o 17 de febreiro de 2015, en El Progreso)

Esta entrada foi publicada en Apuntamentos, Mondoñedo e etiquetada , , , . Garda a ligazón permanente.