Carta de Fran Bouso ao señor Cunqueiro

Admirado Sr. Cunqueiro:
Desculpe o meu atrevemento ao molestalo con estas verbas nun día tan especial para Vostede.
Antes de nada, permítame presentarme, pois nunca antes me tivera dirixido a VD.; cando marchou do Mondoñedo da terra eu tan só tiña cinco anos recén cumpridos e, que eu recorde, nunca nos temos cruzado pola Venecia mindoniense que por aquel entón era o meu espazo vital. Mellor que presentarme, se quere saber de min, pódelle preguntar ao meu pai que está moi preto de VD. aí no ceo dos mindonienses.
Teño entendido que cando estivo aquí as cousas, a nivel persoal, non lle foron todo o ben que deberían en moitos aspectos, pero quero que saiba que hoxe, nesta “cunquiña deleitosa” da que falou Leiras ténselle gran respecto e admiración, proba delo é que o pasado sábado nos xuntamos en Mondoñedo preto de milleiro e medio de persoas para renderlle merecido homenaxe nun novo atrevemento de pór en escena a súa obra “Merlín e familia”. Se desde aí arriba nos estivo mirando, ben seguro que lle provocamos a risa en máis dunha ocasión, sobre todo pola mañá no transcurso da mesa redonda que tiven a honra de moderar na compaña de Antonio Reigosa, Armando Requeixo e a dona de Francisco Piñeiro. O amigo Paco non puido estar presente, pois ese día despedía ao seu pai que collía o camiño que VD. botou a andar o vinteoito de febreiro do oitenta e un. Alí tamén estaba Suso do Bahía e outros moitos amigos e amigas de aquí e de acolá. E (…) agora que me dou conta VD. tamén. Non me decatara diso ata este momento no que lle estou escribindo, pero neste intre confirmo a súa presenza: Con quen falaba Suso senón cando interrompeu o seu discurso?.
E foi o último en marchar: Cando todos abandonamos a sala para ir cara ao Auditorio, mirei á pantalla de proxección que hai no salón de actos da Casa da Xuventude e vin a sombra da súa figura, pero pasoume desapercibida, de non ser así teríao saudado. Descúlpeme. Dous días máis tarde, o pasado luns, recibín unha chamada de José Manuel Corral preguntándome que que fixera co proxector de vídeo que na pantalla aparecía unha sombra que non daba desaparecido… Eu non fixera nada… agora caio… era VD. que seguía alí Ben, xa non sei que é o que lle ía contar, pásame moito ultimamente, que quero falar dunha cousa e acabo botando un discurso interminable sobre algo que non ten nada que ver, pode influír que mentres estou escribindo esta carta a miña filla Paula está pedíndome que lle saque a bata, que lle deixe buscar a Hello Kity no ordenador, que vaiamos a Mondoñedo, que a colla no colo, que lle cante unha canción…

Pois nada, xa me despido que vou cantar “No niño novo do vento”.
Parabéns e que cumpra moitos máis.
Atentamente,
Fran Bouso
Mondoforte, 22 de nadal de 2011

Esta entrada foi publicada en Apuntamentos. Garda a ligazón permanente.